150 anos do conservatorio Manuel Quiroga ben valen un disco

Pontevedra
28 de xaneiro 2015

O conservatorio de música Manuel Quiroga de Pontevedra vestiu este xoves as súas mellores galas para presentar o disco conmemorativo do 150 aniversario da fundación do actual centro. Deste traballo musical editáronse un total de 500 copias

Presentación do disco conmemorativo do 150 aniversario do conservatorio
Presentación do disco conmemorativo do 150 aniversario do conservatorio /

O conservatorio de música Manuel Quiroga de Pontevedra vestiu este xoves as súas mellores galas para presentar o disco conmemorativo do 150 aniversario da fundación do actual centro. Deste traballo musical editáronse un total de 500 copias.

O traballo recolle a obra Follas Vellas do compositor galego Saúl Chapela, vencedora no concurso de composición convocado en 2013 con motivo desta celebración, un certame dirixido ao alumnado matriculado en Conservatorios Profesionais e Superiores de Música de Galicia. 

Ademais, o CD inclúe tamén o ciclo para piano e voz Linguas a Rosalía, a partir dunha dobre efeméride: a do Conservatorio e a da publicación naquel mesmo ano de 1863 da primeira grande obra rosaliana, Cantares Gallegos.

Este ciclo de cancións contou coa desinteresada colaboración dos compositores galegos Carlos Cambeiro, Luís Carro e José Luís Pedrosa, que puxeron música a tres coñecidos poemas do romanticismo, cuxa partitura foi editada grazas á Deputación de Pontevedra.

Pecha o CD a gravación do concerto en stilo antico de Manuel Quiroga, nunha interpretación da Orquestra Filharmónica de Pontevedra. 

A presentación deste disco supón o derradeiro banzo da conmemoración deste centro, fundado en febreiro de 1863. O obxectivo foi recuperar a memoria deste centro para o que o conservatorio levou a cabo, entre outras accións, unha publicación Del conservatorio Príncipe Don Alfonso al CMUS Manuel Quiroga, que recolle a súa historia desde a fundación.

Ademais o centro organizou unha exposición sobre esta efeméride comisariada por Fernando Otero Urtaza, na que se amosaron fotografías, testemuños dos xornais, cartas e impresións que deron conta da existencia e evolución do conservatorio neste século e medio.