16.000 euros para impulsar unha nova edición do Plan Músico-Cultural

Poio
10 de febreiro 2023

As bases desta convocatoria da concellería de Cultura de Poio xa están dispoñibles na Sede Electrónica do Concello. Con esta iniciativa promóvese a contratación de grupos de música e folclóricos locais para amenizar a celebración de eventos

Raquel Rodríguez, concelleira de Cultura de Poio
Raquel Rodríguez, concelleira de Cultura de Poio / Concello de Poio

Raquel Rodríguez, concelleira de Cultura, anuncia unha nova convocatoria do Plan Músico-Cultural no Concello de Poio.

Esta liña de axudas presenta este ano un orzamento de 16.000 euros e destínase á contratación de grupos de música popular e folclóricos do municipio para amenizar diversos eventos culturais.

A boa acollida que tivo esta proposta no ano 2022 permitiron que colectivos organizadores de preto de 40 festexos e actividades culturais tiveran a oportunidade de financiar máis dun cento de actuacións ao longo de todo o ano.

As bases xa se atopan dispoñibles na Sede Electrónica do Concello, tras aprobarse pola Xunta de Goberno Local.

A concelleira Raquel Rodríguez entende que este sistema é unha ferramenta moi útil para visibilizar e poñer en valor ao sector cultural.