20 músicos arroupan a Bertín Osborne no concerto deste venres en Sanxenxo

Sanxenxo
28 de xullo 2017

O recital do cantante será na noite deste venres 27 de xullo na Praza do Mar, a partir das 22.30 horas. Será o primeiro concerto da súa xira 'Crooner' e a entrada é libre

Telmo Martín e Bertín Osborne
Telmo Martín e Bertín Osborne / Concello de Sanxenxo

Bertín Osborne presentaba este xoves o seu concerto en Sanxenxo, o primeiro da súa xira 'Crooner'. Acompañado polo alcalde Telmo Martín, pola directora da Axencia Galega de Turismo, Nava Castro e polo presidente do ICTE Miguel Mirones, o mediático cantante destacaba que veu a Galicia ao redor de seis veces ao ano durante a súa carreira profesional e destacou o seu amor por esta terra e o moito que goza en cada visita.

O concerto será ás 22.30 horas na Praza do Mar con entrada libre. Bertín Osborne subirá ao escenario acompañado por 20 músicos: o pianista David Pérez, a AP Big Banda e o Mariachi Os Caporales. "Será un gran espectáculo que vai sorprender", afirmou o cantante durante a presentación. 

Interpretará baladas de sempre, rancheiras e o seu último xénero "Crooner", cunha Big Band formada por 15 músicos, que ofrecerán un estilo que lembrará ao do jazz americano.

O alcalde Telmo Martín agradeceu a Bertín Osborne que escollera Sanxenxo para iniciar a súa xira dentro dos concertos Q, unha iniciativa do Instituto para a Calidade Turística que conta co apoio da Secretaría de Estado de Turismo en colaboración coas comunidades autónomas e os concellos para promover a Marca Q de Calidade Turística.