Máis de 208.000 persoas visitaron o Museo de Pontevedra en 2025

Pontevedra
05 de xaneiro 2026

O dato, aportado pola Deputación, supón ademais un incremento do 43% respecto a 2024, un salto que marca a recuperación do pulso cultural da institución

Visita ás Salas de Castelao no Museo Museo de Pontevedra

O Museo de Pontevedra vive un dos seus mellores momentos de afluencia das últimas décadas. O ano 2025 pechou cun total de 208.908 visitantes, a cifra máis alta dos últimos 15 anos e só superada polo histórico 2010, cando o museo recibira 226.645 persoas.

O dato, aportado pola Deputación, supón ademais un incremento do 43% respecto de 2024, un salto que marca a recuperación do pulso cultural da institución.

Detrás deste crecemento está, segundo explicou o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, unha "aposta política decidida" por devolverlle ao museo un papel central na vida cultural da provincia.

A recuperación da Bienal de Pontevedra, o reforzo da programación expositiva e a apertura a novos públicos marcaron un ano que Domínguez define como o inicio "dunha nova etapa". Un tempo no que o museo deixa de ser un espazo estático para converterse nun motor cultural, turístico e económico.

As cifras confirman esa tendencia. As Ruínas de San Domingos volveron situarse como o edificio máis visitado, con 123.871 persoas, nun ano no que xa non houbo as limitacións de acceso provocadas polas obras de mantemento de 2024.

Trátase do segundo mellor rexistro histórico deste espazo, só por detrás do ano 2010.

Pola súa banda, os edificios Castelao e Sarmiento, que acollen a exposición permanente, as mostras temporais e boa parte das actividades do museo, recibiron 73.206 visitantes, un lixeiro aumento do 0,5% respecto do ano anterior.

Mantivéronse estables as visitas escolares e individuais, pero destacou especialmente o crecemento das visitas en grupo, con 10.590 persoas, a cifra máis alta da última década.

O Museo de Pontevedra tamén reforzou o seu atractivo internacional. Das 35.208 persoas que visitaron libremente estes edificios, 7.538 procedían de terceiros países, con especial presenza de visitantes de Portugal, Estados Unidos e Reino Unido.

No ámbito estatal, Madrid e Andalucía foron as comunidades que máis público achegaron.

Mención á parte merece o convento de Santa Clara, que entre xuño e setembro rexistrou 11.125 visitantes, coincidindo coa celebración da Bienal e coa utilización da igrexa do recinto como espazo expositivo.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora