O traslado da actividade sanitaria ao Hospital Público Novo Montecelo dá un novo paso coa licitación do servizo encargado de organizar e coordinar todo o proceso.
O Portal de Contratos Públicos da Xunta publicou este martes o procedemento, cun orzamento de 688.933 euros, para contratar a planificación e execución das tarefas necesarias para a posta en marcha do novo centro hospitalario pontevedrés.
O obxectivo do contrato é garantir que o cambio de instalacións se realice de maneira progresiva, ordenada e segura, tanto no relativo ao traslado de mobiliario e equipamento como á adaptación dos diferentes servizos e unidades ao novo edificio.
A empresa que resulte adxudicataria deberá realizar un inventario previo de todos os elementos que forman parte da actividade hospitalaria, coa identificación dos equipos e materiais que deberán ser trasladados, así como a súa localización no novo centro. Para iso, terá que elaborar unha planificación dos espazos sobre planos e definir o emprazamento de cada elemento nas distintas áreas asistenciais e dependencias.
Un dos puntos fundamentais do contrato será a análise do equipamento considerado crítico ou que poida requirir traslados por fases, tendo en conta as dificultades loxísticas que poidan xurdir.
Tamén se establecerá unha secuencia detallada de actuacións, cun cronograma no que figuren todas as etapas do proceso e os equipos multidisciplinares necesarios para executalas.
O plan de traslado deberá incluír tamén aspectos relacionados coa actividade asistencial, como a organización dos movementos de pacientes, a recepción de usuarios e profesionais no novo hospital ou a compatibilidade do funcionamento simultáneo dalgúns servizos durante o cambio de instalacións.
Ademais, a planificación contemplará medidas específicas para o traslado e protección da documentación confidencial, así como os procedementos para a xestión dos residuos xerados durante o proceso, de acordo coa normativa vixente.
As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o próximo 24 de agosto. O prazo previsto para executar o contrato é de nove meses: os cinco primeiros estarán destinados á fase de planificación, o sexto á revisión e aprobación do plan por parte da unidade de seguimento e control, e os tres últimos á realización material do traslado.
Este calendario non inclúe a posta en marcha do servizo de radioterapia, prevista para este mesmo ano como primeiro paso na entrada en funcionamento progresiva do Novo Montecelo.
Máis de 30 millóns para dotar o novo hospital
Paralelamente ao proceso de traslado, o Servizo Galego de Saúde continúa coa adquisición do equipamento necesario para o funcionamento do novo complexo hospitalario. O investimento total previsto supera os 30 millóns de euros, dos que máis de 21,7 millóns corresponden ás anualidades de 2024 e 2025.
Para este ano 2026 está programada unha nova partida de 10,35 millóns de euros destinada á dotación tecnolóxica e material do hospital, segundo o informe abordado recentemente polo Consello da Xunta.
A previsión do Goberno galego é que o Novo Montecelo entre en funcionamento de maneira progresiva, iniciando a súa actividade coa posta en marcha de radioterapia e completando posteriormente o traslado do resto dos servizos ao novo equipamento sanitario.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.