25 anos da Illa das Esculturas dan lugar a unha revisión do Consello da Cultura Galega

Pontevedra
28 de maio 2024

A xornada vai celebrarse este mércores 29 de maio a partir das 17.00 horas na Casa das Campás coa participación de Antón Castro, Fernando Casás, Soledad Penalta, Paula Cabaleiro e Ramón Rozas. A entrada é libre

Obras da Illa das Esculturas deterioradas
Obras da Illa das Esculturas deterioradas / Mónica Patxot

As obras de Richard Long, Dan Graham, Francisco Leiro, lrich Rückriem, Fernando Casás ou Anne & Patrick Poirier, entre outros artistas de nivel internacional, eran inauguradas en xullo de 1999 na Illa do Covo, que asumía a denominación da Illa das Esculturas.

Con motivo do 25 aniversario daquel acontecemento, a Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega (CCG) levará a cabo unha xornada de análise sobre a situación deste espazo artístico e natural co paso dos anos.

Antón Castro será un dos relatores como un dos principais valedores do proxecto artístico xunto a Rosa Oliveirais. O xornalista Ramón Rozas será o encargado de coordinar este evento que se iniciará ás 17.00 horas deste mércores 29 na Casa das Campás.

Desenvolverase unha mesa redonda na que participará Antón Castro, comisario da exposición; Fernando Casás, un dos creadores; a artista Soledad Penalta; e Paula Cabaleiro, comisaria da exposición e xestora cultural.

Todo o acto será gravado para posteriormente subirse ás redes sociais e á web do CCG. A entrrada é libre para todo o público interesado.

A xornada inclúese na liña de traballo de observación da realidade do sistema artístico actual que mantén a Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do CCG.