Comezan os preparativos para a carreira pola normalización lingüística "Correlingua"

Pontevedra
13 de febreiro 2025

Múltiples centros pontevedreses participarán na proposta correndo polas rúas da cidade o día 29 de maio

Correlingua 2023
Correlingua 2023 / Mónica Patxot

O presidente de "Correlingua" Anxo Terán, xunto con outras persoas vencelladas á organización, presentou en Pontevedra a 25º edición de "Correlingua".

Esta proposta de carácter lúdico-educativo pretende convidar a mocidade, a infancia e os centros de ensino a participar nun acto público de reivindicación do dereito a medrar en galego.

Nas palabras de Anxo Terán, esta iniciativa é "case a actividade máis normalizadora en todo o país", e resulta "imprescindible" continuar con ela. 

O proxecto está destinado a un público infantil e xuvenil debido á importante perda de falantes que se está a producir entre a poboación máis nova.

O seu obxectivo é o mantemento e difusión do idioma coa participación activa dos propios destinatarios: a mocidade.

A proposta, alcanzou ao longo destes anos unha alta participación dos centros de ensino e do alumnado, así como o apoio de persoeiros e organizacións de todo tipo.

O proxecto leva 25 anos contando coa participación e colaboración de sindicatos, asociacións pedagóxicas e Concellos como o de Pontevedra.

Ante isto, a coordinadora comarcal do "Correlingua" da Coruña Celia Armas recalcou que "25 anos de éxito fainos pensar que a nosa lingua ten futuro".

Con todo, o secretario nacional da CIG-Ensino Suso Bermello, denunciou a non participación ou subvención da Xunta de Galicia en todo este tempo.

20250212 Patxot correlingua 2212
Presentación Correlingua 2025Mónica Patxot

 

Arredor do Día das Letras Galegas ten lugar o acto central de "Correlingua", unha carreira non competitiva que percorre once localidades

Este ano, a cidade de Pontevedra será o lugar onde vai celebrarse o punto final desta edición o día 29 de maio e, polo tanto, onde terá lugar a última carreira

AMPLO PROGRAMA

Pero a proposta non é un acto puntual, senón un programa extenso no tempo que serve de pretexto para a normalización lingüística nos centros de ensino

A carreira é o acto central, pero a iniciativa consta de actividades que se inician co curso e culminan en maio.

A maioría das actividades céntranse no alumnado dos centros de ensino secundaria, aínda que tamén se propoñen actividades específicas para as nenas e nenos de primaria e infantil

Este 25 aniversrio, o programa inclúe propostas moi diversas.

A primeira é "Lema!", na que os diferentes centros participantes construiron o slogan da campaña deste ano o último trimestre do 2024

Tras recibir 29 propostas, o lema elixido foi "A mocidade activa por unha lingua viva" do IES Breamo de Pontedeume

Outras das actividades, que se leva desenvolvendo desde xaneiro, é "Regueifando!".

Esta leva executándose todos os anos desde a pandemia, e consta da realización dunha regueifa colectiva na que cada centro grava tres coplas que se mesturarán nunha peza conxunta

Por outro lado, a iniciativa tamén conta cun obradoiro de escrita creativa chamado "Desata a lingua"

O taller impartirase por escritores en aulas de 1º e 2º da ESO co obxectivo de elaborar un manifesto colectivo que se lerá na carreira. 

O manifesto desta edición foi realizado no curso 2022/2023, e este ano vai elaborarse o manifesto do "Correlingua 2026".

O último certame dirixido a centros educativos, é o "Crealingua", un concurso libre de creación artística en galego.

Nel, impúlsase o desenvolvemente de diferentes formas artísticas, como a realización de banda deseñada ou a gravación de vídeos e tik toks, entre outros. 

Estas competicións teñen o obxectivo de ofrecer aos centros actividades preparatorias que permiten a reflexión sobre o idioma e sirvan de preparación para a recta final do "Correlingua".

Ademais, a proposta tamén conta cun certame chamado "Catalingua", unha convocatoria musical dirixida a bandas e solistas en lingua galega de calquera estilo musical.

Trátase dun dos concursos de música máis veteranos de Galicia, e por el levan pasado as principais bandas e solistas do panorama musical galego dos últimos anos.

As bandas gañadoras serán as que participen nas Festas do "Correlingua".

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora