50 anos de traxectoria artística de Antón Sobral terán recoñecemento na UNED Pontevedra

Pontevedra
03 de novembro 2025
Actualizado: 14:39

Artistas, institucións e persoas particulares celebrarán o legado creativo e humano de Sobral nun encontro o 10 de novembro, que incluirá música e a presentación dun catálogo conmemorativo

O artista Antón Sobral
O artista Antón Sobral / UNED Pontevedra

A sede da UNED de Pontevedra dedicará, o vindeiro luns 10 de novembro ás 19:00 horas, un acto especial ao pintor Antón Sobral en recoñecemento aos seus cincuenta anos de contribución á arte e a cultura galega contemporánea.

A homenaxe, que terá lugar no Salón de Actos do Centro Asociado, reunirá a figuras da arte, representantes institucionais, veciñanza e amizades para destacar o compromiso humanista e creativo do artista.

A obra de Antón Sobral estivo ligada durante cinco décadas á sensibilidade, a introspección e a conexión coa paisaxe e a sociedade galega.

A súa traxectoria combina unha constante procura de beleza e equilibrio, e unha dimensión comunitaria que deixou pegada en varias xeracións.

Para Rafael Cotelo, coordinador de Extensión Universitaria da UNED en Pontevedra, "Antón Sobral representa o mellor do espírito creativo galego: a arte como compromiso coa vida, a amizade e a comunidade", subliñando que o legado de Sobral vai máis alá da súa obra plástica.

O programa do acto inclúe intervencións institucionais, testemuños de amigos e colegas artistas, e a proxección de imaxes que percorren os fitos da súa carreira.

Ademais, o gaiteiro e flautista galego Óscar Ibáñez ofrecerá a sesión musical da velada.

Durante o evento vai presentarse o catálogo conmemorativo "Sobral. 50 anos creando", dispoñible tanto en formato físico como dixital, que recolle unha selección de obras e textos sobre o artista.

O encontro finalizará cun viño de honra, que permitirá aos asistentes compartir momentos co propio artista homenaxeado.