76 persoas concursaron no Certame de Pintura Rápida de Arra

Sanxenxo
08 de agosto 2022

O xurado destacou a calidade das obras presentadas nesta edición e executadas o mesmo día do certame con técnicas diferentes, pero todas co obxectivo común de destacar as potencialidades do municipio e fomentar a pintura

Certame de Pintura Rápida de Arra
Certame de Pintura Rápida de Arra / Concello de Sanxenxo

Un total de 76 participantes de distintos puntos da xeografía española e, por primeira vez, de Portugal concursaron este domingo no Certame de Pintura Rápida de Arra.

A Asociación Cultural San Cayetano de Arra en colaboración co Concello de Sanxenxo repartiron sete premios por valor de 2.650 euros e entradas para o Racing Dakart Sanxenxo e o Aquapark de Portonovo. O xurado destacou a calidade das obras presentadas nesta edición e executadas o mesmo día do certame con técnicas diferentes, pero todas co obxectivo común de destacar as potencialidades do municipio e fomentar a pintura.

Nesta edición que se ampliou a zona de traballo ata o núcleo urbano de Portonovo, na categoría de adultos, o primeiro premio (1.000 euros) foi para Manuel Carballeira Rivas, o segundo (500 euros) para Alberto Falcón Sineiro, o terceiro para Xosé Rodiño. O premio especial para artista local, dotado con 500 euros, foi para Eduardo Pérez Baamonde. Na categoría infantil, ata 12 anos, o primeiro premio foi para 100 euros en material para Hanna Carvajal Seidel e o 2º premio en material para Elisa Varela Martín. De 13 a 16 anos, o premio único foi para Rafael Eraso Cortejoso, dotado con 200 euros.

O xurado que estivo formado por Raúl Gil, Sara Vázquez, Ana Lamelas, Ana Cancela e Paz Lago destacou a calidade das obras presentadas e a rápida definición na execución dos cadros que se expuxeron no Priorado de Arra onde se fallaron os premios.

En canto á Feira de Produtos Gastronómicos celebrada en Montalvo, o presidente da Asociación San Caetano de Arra, Bruno Vidal, cualificou de positiva a edición na que se alcanzaron cifras pre pandémicas. "Houbo moi bo ambiente, moita xente e as cifras económicas son positivas", asegura Vidal.