A Academia Galega de Belas Artes homenaxea a Castelao no Museo

Pontevedra
21 de marzo 2016

O acto será o 1 de abril coa inauguración da exposición 'Castelao Artista'. O evento céntrase na achega á historia da arte e da cultura do intelectual de Rianxo  

Cartel do Día das Artes Galegas
Cartel do Día das Artes Galegas / Academia Galega de Belas Artes

A Academia Galega de Belas Artes programou varios actos para os días 1 e 2 de abril, que se desenvolverán en Pontevedra e en Rianxo, localidade natal de Alfonso Rodríguez Castelao. 

O Museo de Pontevedra acollerá o venres 1 o acto de presentación do Día das Artes Galegas 2016 a partir das 19.00 horas no salón de actos do Sexto Edificio do Museo.

A continuación inaugurarase a exposición 'Castelao Artista', que permanecerá aberta durante a primavera e o verán para mostrar a obra do polifacético artista rianxeiro que cumpre este ano un século da súa chegada á cidade do Lérez.

O sábado 2, os actos trasladaranse a Rianxo cunha conferencia do ilustrador e debuxante Miguelanxo Prado sobre a traxectoria artística de Castelao.

Estas actividades prográmanse para destacar a achega realizada polo ilustre galeguista á historia da arte e da cultura.