A arte múltiple "conquista o espazo" de Pontevedra

Pontevedra
09 de maio 2024

A exposición poderá visitarse ata o 30 de xuño no Pazo da Cultura e estrutúrase en catro bloques, que permiten afondar nos diferentes camiños abordados pola arte múltiple neste século XXI

Exposición 'Simbiose'
Exposición 'Simbiose' / Universidade de Vigo

A característica fundamental de artes gráficas como o gravado é a existencia dunha matriz a partir da que poden xerarse diferentes obras.

Partindo dese elemento, a propia evolución da arte contemporánea e os avances tecnolóxicos transformaron nas últimas décadas a noción de arte múltiple, cara o que denominan "gráfica de campo expandido".

Este concepto que tamén fai referencia a como a gráfica contemporánea abandona o seu carácter bidimensional para "conquistar o espazo". 

Co propósito de afondar nestas ideas, este grupo de investigación promove desde este mércores o VIII Foro Internacional de Creación na Fronteira O múltiple que ocupa o espazo, no que se insiren tres exposicións, un ciclo de conferencias e unha serie de intervencións no espazo público. 

A programación ábrese nesta xornada coa inauguración no Pazo da Cultura de 'Simbiose', mostra que reúne as creacións de 24 artistas de España e Portugal.

A exposición poderá visitarse ata o 30 de xuño e estrutúrase en catro bloques, que permiten afondar nos diferentes camiños abordados pola arte múltiple neste século XXI.