A Banda de Música de Salcedo confesa as dificultades económicas que ten para realizar as súas actividades

Pontevedra
06 de maio 2015

A banda de música de Salcedo e o concello de Pontevedra asinan o convenio que garante as actividades da banda na cidade por unha cantidade de 32.625 euros

Firma do convenio do concello coa banda de música de Salcedo
Firma do convenio do concello coa banda de música de Salcedo / Cristina Saiz

A situación pola que atravesa a banda de música de Salcedo é difícil xa que "sólo viven de las ayudas, las cuotas de los socios y las matriculas de la escuela", e gastos teñen moitos que senón fora polo convenio "no habría un futuro halagüeño" segundo Miguel Gálvez Cabezudo, presidente da asociación músico-cultural San Martiño.

O acordo que garantirá os concertos da Banda de música de Salcedo nas ocasións especiais de Pontevedra asinouse este mércores por Miguel Gálvez Cabezudo e Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde da cidade.

Este convenio garante a colaboración das dúas entidades, que coa achega dun máximo de 32.625 euros se realizarán as actividades pactadas como o concerto de primavera, a actuación do Día das Letras Galegas, concertos da coral, concerto do día de San Martiño ou a cabalgata de Reis, entre outras. Tamén se realizarán máis actividades por parte da asociación que non se contemplan neste acordo, segundo expuseron os responsables do colectivo.

Fernández Lores eloxiou o traballo que se está a facer coa banda xuvenil, a banda de Salcedo e a escola de música desta parroquia e destacou a dedicación e o esforzo que a directiva fai para que estas actividades sexan posibles.

O alcalde apuntou que lles gustaría incrementar as colaboracións coa asociación, pero a situación de crise económica actual non o permite, "pero a idea é esa", indicou o rexedor.

A banda actualmente ensaia nun local "precario" prestado pola Xunta, un espazo que só pode ser destinado a fins agrarios o que crea un problema para poder adecualo, xa que a súa actividade non é para a que está indicado o local, indicaba Miguel Gálvez Cabezudo. A nova Casa da Cultura de Salcedo, que se agarda que estea construída este mesmo ano, axudará a mellorar esta situación. Aínda que non terán un espazo propio segundo Fernandez Lores, si contarán cun espazo onde a banda completa poderá ensaiar e dar clases.