A Banda de Música de Salcedo lembra a Fernández Sieira no concerto do Día das Letras Galegas

Pontevedra
18 de maio 2019

Neste concerto celebrado na noite deste venres 17 no Pazo da Cultura presentábase aos novos compoñentes da Banda, procedentes da agrupación xuvenil e da Escola de Música da parroquia pontevedresa

Concerto da Banda de Música de Salcedo no Día das Letras Galegas
Concerto da Banda de Música de Salcedo no Día das Letras Galegas / Diego Torrado

A Banda de Música de Salcedo (BMS) celebraba este venres 17 cun concerto no Pazo da Cultura a festividade do Día das Letras Galegas. Numeroso público asistía a esta nova cita coa agrupación musical.

Nesta ocasión, baixo a dirección de Marcel van Bree, a Banda contou coa colaboración do gaiteiro José Manuel López "Josele" e coa voz de Javier Simal García.

Ademais, o evento serviu para levar a cabo a presentación oficial dos novos compoñentes da BMS. Trátase de novos intérpretes que proceden da Escola de Música de Salcedo e da Banda Xuvenil da parroquia, que debutaban coa formación titular.

O concerto, ademais de ser unha homenaxe á figura de Antón Fraguas, dedicábase á memoria do recentemente falecido José Luis Fernández Sieira, un pontevedrés fundamental durante as últimas décadas na promoción cultural e musical na cidade.