A Banda de Música de Sanxenxo cumpre 20 anos e prepara o seu salto aos escenarios internacionais

Sanxenxo
28 de xullo 2022

Máis de 50 músicos, de entre 11 e 34 anos, conforman o grupo con máis dunha decena de instrumentos diferentes

Banda de Música de Sanxenxo
Banda de Música de Sanxenxo / Concello de Sanxenxo

A Banda de Música de Sanxenxo celebra este ano o seu vixésimo aniversario cun concerto que terá lugar o próximo 20 de agosto na Praza dos Barcos.

Nesa actuación, baixo a dirección de José Varela, interpretaranse pezas de distintos estilos coas que se fará un repaso á súa traxectoria musical nestas dúas décadas. Participarán os diferentes directores e músicos que tivo a banda ao longo da súa historia, así como o director da Escola de Música Municipal de Sanxenxo, Benjamín Dorado. Ademais, reproduciranse imaxes da banda e darase conta dos premios logrados en distintos concursos a nivel nacional.

A Banda de Música de Sanxenxo, xestionada pola Sociedade Musical de Sanxenxo, conta nestes momentos con 50 músicos de entre 11 e 34 anos. Unha banda nova que toca máis dunha decena de instrumentos diferentes nas distintas actuacións realizadas ao longo do ano. O xerme da banda sementouno Rafael Torres Míguez e Daniel Portas coa constitución no ano 2000 da primeira escola de música de Sanxenxo que dous anos despois, o 26 de maio, convertíase na Banda de Música de Sanxenxo.

A formación de novos talentos na Escola de Música Municipal e o salto logo á Banda de Música de Sanxenxo foi unha constante ao longo da historia de ambos os colectivos formando un tándem perfecto de talento e expresión musical sobre os escenarios. Deste traballo coordinado saíron músicos da talla de Juan Cernadas.

En canto aos obxectivos da banda a medio e longo prazo, o presidente da Sociedade Musical de Sanxenxo, Jose Antonio Rodríguez, teno claro "queremos seguir mellorando, crecer en compoñentes e poñémonos como meta participar nun concurso internacional de bandas como o World Music Contest de Kerkrade, en Holanda", asegura.