A Banda Senlleira de Robacallos publica o seu primeiro álbum: 'Somos o que Somos'

Pontevedra
08 de xuño 2022

Esta agrupación pontevedresa presenta este xoves 9 de xuño un adianto deste traballo discográfico con sete temas orixinais. O álbum foi financiado a través dunha campaña de crowdfunding, que se mantén activa ata o 20 de xuño

A Banda Senlleira de Robacallos
A Banda Senlleira de Robacallos /

'Somos o que Somos' é o título do primeiro traballo discográfico da Banda Senlleira de Robacallos, unha agrupación pontevedresa que este xoves 9 de xuño publicará o primeiro adianto deste álbum, acompañado dun vídeo. 

Este proxecto conta con sete temas orixinais e desenvolveuse grazas ao financiamento dos seguidores a través dunha campaña de crowdfunding, que se manterá activa ata o 20 de xuño. Durante esta campaña logrouse o obxectivo marcado en só catorce días dos corenta inicialmente previstos.

O debut discográfico da banda gravouse e mesturouse nos estudos de La Cortina Roja, na Coruña. A  masterización desenvolveuse en Mistery Room Mastering, en Wisconsin. Durante os últimos tempos publicaron diversos contidos audiovisuais nas redes e plataformas nas que se move A Banda Senlleira de Robacallos.

O videoclip do tema titulado 'Voces' conforma un primeiro adianto co son definitivo deste traballo do grupo formado por Bruno Cerviño, Martín González e Xulián Santiago.