A Biblioteca de Pontevedra únese ás homenaxes a Pardo Bazán cunha mostra bibliográfica

Pontevedra
14 de maio 2021

A exposición poderá visitarse ata o 21 de maio e enmárcase dentro a programación institucional posta en marcha durante este ano para conmemorar o centenario da morte da autora.

Fondos bibliográficos da Biblioteca Pública Antonio Odriozola
Fondos bibliográficos da Biblioteca Pública Antonio Odriozola / Xunta de Galicia

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, visitou este xoves a exposición "Coñecento a Emilia Pardo Bazán: escritora, xornalista, feminista...", coa que a Biblioteca da Xunta en Pontevedra, Antonio Odriozola, súmase ás conmemoracións en homenaxe á autora no marco do centenario da súa morte.

Como expresou o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, nestes momentos “é fundamental  achegar a todos os públicos a obra e os valores desta escritora universal con todo tipo de iniciativas que nos axuden a divulgar o seu legado”.

Lembrou que a Rede de Bibliotecas Públicas da Xunta conta cun nutrido grupo de obras da autora dispoñibles na modalidade de préstamo e animou facerse con algún deles para achegarse á súa lectura.

A exposición inclúe unha selección de libros da escritora dispoñibles no centro para levar en préstamo, así como unha breve biografía e bibliografía e está dirixida a un público xuvenil e adulto. Poderá visitarse ata o 21 de maio e enmárcase na programación institucional posta en marcha durante este ano para conmemorar o centenario da morte da autora.