A biblioteca pública súmase ao Día do Libro Infantil e Xuvenil coa lectura do manifesto internacional

Pontevedra
01 de abril 2018

A lectura do manifesto do IBBY está programada para as 12.30 horas deste domingo e correrá a cargo da escritora Fina Casalderrey, o ilustrador Victor Rivas e a libreira Luz Galego. Ademais, acudirá a concelleira de Educación de Pontevedra, Carmen Fouces  

Biblioteca Pública de Pontevedra
Biblioteca Pública de Pontevedra / Mónica Patxot

A biblioteca pública Antonio Odriozola de Pontevedra sumarase este luns á conmemoración por todo o mundo do Día do Libro Infantil e Xuvenil cunha lectura pública do manifesto aprobado a nivel internacional pola Organización Internacional para o Libro Xuvenil (IBBY).

A lectura do manifesto do IBBY está programada para as 12.30 horas deste domingo e correrá a cargo da escritora Fina Casalderrey, o ilustrador Victor Rivas e a libreira Luz Galego. Ademais, acudirá a concelleira de Educación de Pontevedra, Carmen Fouces. 

A IBBY é un colectivo sen ánimo de lucro composto por asociacións e persoas de todo o mundo comprometidas coa idea de propiciar o encontro entre os libros e a infancia.

Ao termo da lectura do manifesto terá lugar na biblioteca a inauguración da exposición 'Convidemos a ler', que estará nestas instalacións ata o próximo 29 de abril no marco da programación do XIX Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, 'Mulleres de conto'.

Chegada de México, a mostra inclúe 18 pezas, gañadora e finalistas, da pasada edición do Concurso Nacional de Cartel da FILIJ (Feria Internacional del Libro Infantil y Juvenil) para convidar o público a ler con diversas propostas literarias e plásticas.