A partir deste luns 15, na Casa da Luz van venderse as entradas anticipadas dos eventos que se realicen en próximas datas no Pazo da Cultura ou no Teatro Principal.
O persoal da Casa da Luz, polo momento, só atenderá pagos en metálico. Estas persoas encargadas do despacho de entradas recibiron formación por parte da empresa Ticketea e está capacitado para realizar duplicados de entradas no caso de que o titular non as localice ou para auxiliar na compra online a quen precise de información para executala.
O horario da taquilla será de 9.30 a 14.00 e de 16.30 horas de luns a sábado e domingos e festivos en horario só matinal de 10.00 a 14.00 horas.
Como viña sucedendo ata agora, o Pazo da Cultura e o Teatro Principal seguirán mantendo a súa oferta de venda de entradas dúas horas antes no caso do Pazo e unha hora antes no do Principal, salvo no caso do ciclo de Domingos do Principal, en que a taquilla tamén abre dúas horas antes dos espectáculos infantís.
Actualmente están á venda os abonos para o Ciclo Voices, con Jorge Drexler, Jane Birkin e un artista aínda por desvelar, ademais dos abonos e entradas para Domingos do Principal e para o recital de Ana Moura. As entradas soltas para o concerto de Jorge Drexler xa se esgotaron.
A concelleira de Cultura Carmen Fouces anunciara esta decisión da venda de entradas na Casa da Luz a finais de ano e agora concrétase desde o goberno local sinalando que se trata dun novo servizo que nace para achegar a un maior número de cidadáns os espectáculo que se ofrecen desde este departamento.
A proposta diríxese sobre todo a un público de idade avanzada ou que non manexa tecnoloxía e carece de correo electrónico ou rexeita ofrecer os seus datos bancarios de xeito online ou telefonicamente, fórmulas necesarias ata agora para adquirir as entradas dos espectáculos con días de antelación.