A creatividade xuvenil de 'Ben veñas, maio' acada os 25 anos

Pontevedra
09 de maio 2018

Este sábado 12, a partir das 17.00 horas, vai celebrarse no Pazo da Cultura o certame musical e a entrega de premios das distintas modalidades artísticas que se desenvolveron na edición deste ano

Organizadores dos primeiros 'Ben veñas, maio', co alcalde de Pontevedra e o concelleiro de Normalización Lingüística
Organizadores dos primeiros 'Ben veñas, maio', co alcalde de Pontevedra e o concelleiro de Normalización Lingüística / Paula Sanmartín

No curso 1992/93 un grupo de profesores comezaba un proxecto que tiña como obxectivo fomentar a utilización da lingua galega entre os estudantes dos centros educativos de secundaria en Pontevedra. O proxecto levaba por título 'Ben veñas, maio' e consistía nun certame de experiencias artísticas en disciplinas que ían desde o teatro ata a música ou a creación literaria.

Pasados 25 anos daquela primeira edición, aquel certame que naceu "de maneira precaria" conta co apoio do Concello de Pontevedra e cunha saúde envexable. Os institutos van rotándose na organización deste evento que xunta a centos de estudantes do municipio a través de modalidades artísticas que incorporaron a fotografía, a banda deseñada ou as producións cinematográficas.

Este mércores, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores recibía a tres dos seis profesores que puxeron en pé aquela iniciativa, Vitoria Ogando, Pilar Herráiz e Manuel Lourenzo.

O autor de 'Ceiba de luz' afirmaba que o certame "foi un fillo que medrou" e "sentímonos honrados" polo protagonismo que a lingua ten entre os participantes. Lembrou que a comezos dos 90 non estaba espallado o uso de internet e case tampouco o dos ordenadores persoais, polo que para a elaboración dos carteis era necesario aplicar o "corta e pega".

Nesta liña tamén se manifestou Vitoria Ogando destacando a evolución desta cita artística e cultural, que foi o primeiro chanzo para que despois algúns estudantes continuaran a súa carreira artística de forma profesional. 

Este sábado 12 ás 17.00 horas no Pazo da Cultura vai desenvolverse o concerto dos grupos participantes na edición deste ano coa entrega dos premios económicos para os gañadores de todas as modalidades.