A cultura mexicana xa enche o Salón do Libro Infantil e Xuvenil

Pontevedra
07 de abril 2018

Ás 18:00 horas da tarde deste venres inaugurouse a XIX edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. Tras o concerto "Catrina y doña Francisca" no auditorio do Pazo, pequenos e maiores puideron gozar de contacontos e dunha exposición coa cultura mexicana como protagonista.

Inauguración do Salón do Libro Infantil e Xuvenil 2018
Inauguración do Salón do Libro Infantil e Xuvenil 2018 / Mónica Patxot

O Salón do Libro Infantil e Xuvenil abriu as súas portas a tarde do venres cun concerto inaugural no auditorio do Pazo da Cultura. O patio de butacas atopábase practicamente cheo, con case 500 persoas entre grandes e pequenos que gozaron da obra para orquestra "Catrina y doña Francisca", composta polo pontevedrés Mario Diz e interpretada pola Orquestra Filharmónica de Pontevedra.

Nunha edición dedicada ás mulleres, non podían faltar uns breves discursos da concelleira de Cultura, Carmen Fouces, e de Susana Pliego, a conselleira cultural da Embaixada de México en España, que falou en representación deste país ao que está dedicada a edición deste ano.

Tamén o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, quixo agradecer a todos os que colaboraron en que o Salón sexa posible, e destacou a importancia de unir as culturas galega e mexicana, así como a necesidade de "feminizar a vida pública para ir superando asfendas que nos separan".

Tras o concerto, Orbil, a peluda mascota do Salón do Libro, foi o encargado de abrir as portas do Salón ás decenas de nenos que se achegaron xunto cos seus familiares á sala de exposicións, onde gozaron de varios contacontos e onde se expoñen as obras de gran calidade que fixeron os nenos de moitos colexios da provincia, arredor das mulleres da literatura e sobre todo, arredor da cultura mexicana, a estrela convidada da edición.

Doutra banda, na zona do recinto feiral destaca a bonita e impactante decoración ao máis puro estilo mexicano, chea de cores, onde hai dispostos lugares de lectura, un photocall, unha zona de xogos para o máis pequenos dos pequenos e ata un foodtruck onde os pais poden descansar e tomarse un piscolabis.