A décimo terceira edición do FICBueu chega con estritas medidas de seguridade e o dobre de proxeccións

Bueu
09 de setembro 2020

O Festival Internacional de Curtametraxes da vila morracense desenvolverá o seu programa entre o 11 e o 19 de setembro

Presentación da 13ª edición do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu, FICBueu
Presentación da 13ª edición do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu, FICBueu / FICBueu

A décimo terceira edición do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu, FICBueu, celebrarase entre o 11 e o 19 de setembro con todas as medidas necesarias para garantir a seguridade de todos os asistentes. Unha medida na que fixeron fincapé os representantes de todas as institucións que colaboran na organización do evento que foi presentado este martes.

O Centro Social do Mar de Bueu será a base do festival, no que se realizarán todas as actividades. Unha das novidades deste ano chega obrigada pola redución do aforo do auditorio, polo que a organización decidiu "duplicar as sesións de cada sección", explicou o director do festival, Manuel Pena.

Doutra banda, ao suspenderse a asistencia de alumnado se progfamaron as seccións infantil e familiar para as mañás do sábado e domingo. Momentos nos que haberá tamén espazo para a gala Escolas Galegas, a nova Sección Escolas Internacionais e un apartado dedicado á comedia.

Así mesmo, a ausencia de cineastas internacionais suplirase cun maior protagonismo dos galegos en actividades paralelas como a charla sobre o filme Ons ou o encontro coa actriz Melania Cruz.

Un monólogo de Manuel Manquiña, a presentación dos Cadernos FICBueu, a música en directo ou un roteiro de tapas complementarán a programación desta edición do festival marcado pola pandemia da COVID-19.

A programación completa do festival pódese consultar na páxina web do festival

"Poranse en práctica todos os protocolos establecidos polas administracións estatal e autonómica”, tranquilizou o director do festival, Manuel Pena, durante a presentación. Tamén o director de Agadic, Jacobo Sutil, sinalou que "trátase dunha edición da máxima calidade da que as e os asistentes poderán gozar nunha contorna segura".

Pola súa banda, a deputada provincial Victoria Alonso felicitou aos organizadores polo traballo realizado e o alcalde de Bueu, Félix Juncal, destacou a fidelidade do público local.