A denuncia do acoso sexual, a través da mirada de Natalia Sánchez e Fernando Guillén Cuervo

Pontevedra
15 de decembro 2017

Os dous intérpretes ofreceron este xoves no Auditorio de Afundación unha versión da obra 'Oleanna', do coñecido dramaturgo norteamericano David Mamet

Representación da obra "Oleanna" no auditorio de Afundación
Representación da obra "Oleanna" no auditorio de Afundación / Mónica Patxot

Carol, unha estudante universitaria acode ao despacho dun profesor para pedir que lle suba a nota dunha materia. Con esta proposta  comeza 'Oleanna', unha obra do popular escritor norteamericano David Mamet.

A partir dese punto de arranque desenvólvese unha historia centrada na loita de poder entre dúas persoas nas que se combina o acoso sexual e cuéstionase o sistema académico. Na versión española que na noite deste xoves ofrecíase no Auditorio de Afundación, o personaxe de Carol interpretábao Natalia Sánchez e o rol do profesor era protagonizado por Fernando Guillén Cuervo. A obra tenta reflectir dous puntos de vista e buscar a implicación do espectador, de forma que poida chegar a verse identificado cos dous personaxes.

'Oleanna' foi estreada en 1992 en Estados Unidos provocando reaccións contra o autor ao que se chegou a cualificar de oportunista e misóxino. Mamet explicou que el non escribía propaganda política con este texto. "Se buscan solucións fáciles, acendan a televisión", apuntou o dramaturgo, que se caracteriza por escapar das verdades absolutas e do politicamente correcto.

O Auditorio de Afundación rexistrou unha boa entrada de público para ver esta montaxe dos dous coñecidos actores, pero sen chegar a encherse.