A Deputación acolle unha divertida exposición co humor gráfico de Luis Davila

Pontevedra
30 de xaneiro 2017

'A retranca dun país' é o título desta mostra que percorre as viñetas máis exitosas do deseñador gráfico e humorista. Poderá visitarse na entrada do edificio da Deputación Provincial en Montero Ríos

Luis Davila inaugura a súa mostra de humor gráfico na Deputación
Luis Davila inaugura a súa mostra de humor gráfico na Deputación / Mónica Patxot

Mulleres bravas do país, elementos tecnolóxicos relacionados cos costumes galegos, xente do mar e decenas de personaxes característicos forman pare da exposición do humorista e deseñador gráfico Luis Davila, 'A retranca dun país' que, desde este luns 30 ata o 4 de marzo pódese visitar na entrada da Deputación de Pontevedra.

Os temas habituais do debuxante que todos os días ofrece as súas viñetas no Faro de Vigo aparecen nesta selección que recolle o matriarcado galego, o feísmo, a reciclaxe, os furanchos, os marcos das leiras, sucesos curiosos e dúas recreacións de traballos do propio Alfonso R. Castelao.

A través da web da Deputación pódese acceder a unha audioguía-signoguía que permite ás persoas con dificultades auditivas seguir a mostra tendo en conta os contidos. 

Luis Davila na presentación sinalaba que nos seus traballos tenta reflectir o humor absurdo ofrecendo pequenas reflexións ao mesmo tempo que anécdotas e gags.

Tanto o deputado de Cultura, Xosé Leal, como o vicepresidente da Deputación, César Mosquera e a presidenta da institución provincial, Carmela Silva destacaron a brillantez e a imaxinación do artista capaz de captar as preocupacións e necesidades dos veciños e de ofrecer un humor cheo de retranca.