A Deputación conmemora o centenario do nacemento de Mariví Villaverde

O Salnés
21 de novembro 2022

A escritora vilagarciá é unha das principais referentes do país na recuperación da memoria histórica do exilio. A nova impresión da publicación e a proxección dunha curta documental presentaranse o 2 de decembro ás seis da tarde no Pazo Provincial

Mariví Villaverde na illa de San Simón xunto con Neira Vilas
Mariví Villaverde na illa de San Simón xunto con Neira Vilas / Deputación de Pontevedra

A Deputación vai conmemorar o centenario do nacemento de Mariví Villaverde, escritora vilagarciá e referente da recuperación da memoria histórica do exilio, coa reedición do seu libro 'Tres tempos e a esperanza' e estrea dunha peza audiovisual sobre a súa traxectoria. 

A efeméride celébrase este 22 de novembro, mais o acto de presentación da publicación e da curta documental será o venres 2 de decembro ás seis da tarde no Pazo Provincial en Pontevedra.

Con esta xornada de homenaxe, o departamento de Memoria Histórica que dirixe María Ortega pretende poñer luz sobre "unha figura central no coñecemento dos anos da represión no exilio". 

O departamento de Memoria Histórica apostou por encomendar o traballo a Coral e Laura Piñeiro, da asociación Memoria e Cinema, responsable da cinta ‘Dores’, e unha narrativa distinta para intentar achegar a Mariví ao público de menor idade, máis afastado aínda que a poboación adulta do legado da memoria.