A Duendeneta fai escala en Caldas e Pontevedra

Pontevedra
15 de xuño 2021

Esta "music truck" estará o mércores ás 19 horas na Praza do Camiño de Caldas e o xoves, ás 19.30 horas na praza de España de Pontevedra para realizar un percorrido pola historia recente da música galega da man do xornalista e crítico musical Carlos Crespo

A Duendeneta presenta a música feita en Galicia no Camiño de Santiago
A Duendeneta presenta a música feita en Galicia no Camiño de Santiago

A xira de "Os Camiños das Músicas Galegas" chega esta semana a Pontevedra. O mércores A Duendeneta estará en Caldas e o xoves, na capital da provincia. A visita desta "music truck" servirá para ofrecer, a cargo do crítico musical Carlos Crespo, unha sesión didáctica na que realizar un percorrido sonoro e comentado pola historia recente e a actualidade da música feita en galego. 

As actuacións terán lugar ás 19 horas na Praza do Camiño de Caldas e, ao día seguinte ás 19.30 horas na praza de España de Pontevedra.

O obxectivo desta iniciativa é ofrecer a oportunidade a peregrinos e veciños de coñecer e escoitar unha mostra da riqueza, variedade e calidade que ofrece a música feita en Galicia

O medio que se utiliza para levar esta música polos diferentes roteiros a Compostela é A Duendeneta, unha furgoneta vintage que durante 20 días está a percorrer os Camiños Francés, Inglés e Portugués deténdose cada xornada nas prazas das vilas que coinciden con finais habituais de etapa. O proxecto está enmarcado dentro da programación do Xacobeo e conta coa colaboración da Fundación A Caixa. 

O encargado de realizar estas sesións didácticas é o xornalista e crítico musical Carlos Crespo, que conta cunha experiencia de máis de 20 anos na difusión da cultura desde diversos medios de comunicación. A modo de programa de radio, cunha duración duns 90 minutos, realiza un percorrido sonoro e comentado pola historia da música galega, desde os pioneiros do pop ata a actualidade, incluíndo todos os xéneros: pop, rock, folk, canción de autor, hip hop, tradicional electrónica ou blues.