A enerxía de Mayumaná atrapa o público pontevedrés

Pontevedra
21 de xaneiro 2022

A formación israelí Mayumaná presentou este xoves 20 de xaneiro o seu espectáculo Currents na sede de Afundación en Pontevedra. Reuniron os números que fixeron historia na traxectoria da formación con outros de nova creación. Combinaron danza, percusión, efectos electrónicos e de iluminación, coa imaxe multimedia

Espectáculo Currents de Mayumaná en Afundación
Espectáculo Currents de Mayumaná en Afundación / Mónica Patxot

A combinación de danza, percusión, efectos electrónicos, iluminación e imaxe multimedia de ' Currents' conquistou este xoves ao público pontevedrés, atrapado pola enerxía que desprende en cada un dos seus espectáculos a formación israelí Mayumaná. 

A compañía internacional máis aclamada do mundo presentou no auditorio da sede de Afundación en Pontevedra o seu novo espectáculo, que reúne os números que fixeron historia na traxectoria da formación acompañados doutros de nova creación.

O espectáculo creouse para o festival da Luz de Xerusalén e está inspirado na disputa histórica que mantiveron os dous empresarios e inventores Thomas Alva Edison (creador da corrente continua) e Nikola Tesla (corrente alterna, que se utiliza ata hoxe) a finais do século XIX.

A compañía conta cun elenco internacional recoñecido a nivel mundial tras unha traxectoria de 24 anos de actividade, máis de 156.000 exhibicións en máis de 20 países e 8 millóns de espectadores.