A entrega do premio Nélida Piñón, inicio das xornadas Cuspedriños10

Cerdedo Cotobade
09 de setembro 2018

O acto de entrega do Premio de Relato Breve Nélida Piñón será o punto de inicio da terceira edición das xornadas turísticas, históricas e culturais Cuspedriños10, que desenvolve o Concello de Cerdedo-Cotobade coa colaboración da Axencia Turismo de Galicia

Nélida Piñón, de visita en Cerdedo-Cotobade
Nélida Piñón, de visita en Cerdedo-Cotobade / Cristina Saiz

O acto de entrega do Premio de Relato Breve Nélida Piñón será o punto de inicio da terceira edición das xornadas turísticas, históricas e culturais Cuspedriños10, que desenvolve o Concello de Cerdedo-Cotobade coa colaboración da Axencia de Turismo de Galicia.

Terá lugar o martes 11 de setembro, ás 19.45 horas, no salón de actos do consistorio de Carballedo e contará coa presenza da prestixiosa escritora brasileira, distinguida co Premio Príncipe de Asturias das Letras en 2005.

No evento entregarase o premio a Daniel Asorey e os respectivos accésits a Rosendo Cid e Xesús Fraga.

O resto da programación das xornadas Cuspedriños10 xa está moi perfilada e quedará completamente definida a vindeira semana para o seu desenvolvemento durante a segunda quincena do mes de setembro e o comezo do outono.

Así, xa se coñece que volverá a celebrarse o exitoso Roteiro do Foxo do Lobo de Arufe en colaboración coa Fundación Antonio Fraguas.

Esta camiñada é a única actividade que se mantén desde o inicio nestas xornadas polo seu indubidable tirón ao tratarse dunha das iconas do turismo natural no municipio.

Ademais, tendo en conta o potencial paisaxístico destas terras, o programa posiblemente inclúa unha segunda actividade de sendeirismo.

Tamén está previsto que se desenvolva unha charla, posiblemente para a mocidade, sobre o valor turístico e patrimonial dos Baños de San Xusto, que actualmente se atopan inmersos nun proxecto de rehabilitación, e outra sobre o Val de Quireza, xa pertencente ao territorio de Cerdedo.