A exposición "máis ambiciosa" sobre a Xeración Nós, no Museo na primavera de 2021

Pontevedra
20 de xuño 2020

O Museo de Pontevedra acollerá entre os meses de maio e xullo de 2021 a exposición "Galicia, de Nós a nós", unha mostra que segundo os seus promotores aspira a ser a "máis completa e ambiciosa" realizada ata o momento sobre a Xeración Nós

Presentación da exposición "Galicia, de Nós a nós"
Presentación da exposición "Galicia, de Nós a nós" / Universidade de Vigo

O Museo de Pontevedra acollerá entre os meses de maio e xullo de 2021 a exposición "Galicia, de Nós a nós", unha mostra que segundo os seus promotores aspira a ser a "máis completa e ambiciosa" realizada ata o momento sobre a Xeración Nós.

A exposición estará formada por máis de 300 pezas, achegadas por medio cento de institucións e coleccionistas públicos e privados, e estrearase o próximo mes de outubro no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura.

"Galicia, de Nós a nós", impulsada pola Xunta de Galicia ao abeiro do Xacobeo 2021, ten como comisarios á profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do campus de Pontevedra, Ana Acuña, e ao investigador e académico Alfonso Vázquez Monxardín.

Esta mostra busca destacar o legado de intelectuais como Castelao, Vicente Risco, Otero Pedrayo ou Florentino Cuevillas e a súa contribución ao desenvolvemento, renovación e internacionalización da literatura e da cultura galega.

A exposición, que conmemora o centenario da revista Nós, traerá a Galicia obras procedentes de Francia, Alemaña e Portugal, que porán o foco nas conexións internacionais da revista e dos seus impulsores, "abrindo unha vía para subliñar a dimensión de universalidade e apertura da cultura galega", segundo a consellería de Cultura.