A gaita volverá ser protagonista na romaría urbana do Folk no Alobre

O Salnés
21 de setembro 2024

A festa popular do domingo 29 de setembro encherá de baile e música tradicional o Parque Enrique Valdés Bermejo a partir das cinco da tarde

Romería urbana Folk no Alobre
Romería urbana Folk no Alobre

Tras aprazarse polo mal tempo, o festival de Folk no Alobre quenta motores para despedir a temporada de verán o próximo domingo, 29 de setembro, facendo soar a gaita durante todo o día no Parque Enrique Valdés Bermejo.

A romaría urbana regresa co obxectivo de poñer en valor a paisaxe e o patrimonio histórico e natural de Vilagarcía, nun formato no que o folclore e a música tradicional galega son os protagonistas absolutos.

Un roteiro guiado, o rito das penas, obradoiros de baile e concertos (cuxo inicio se adianta ás cinco da tarde) compoñen os ingredientes desta divertida celebración popular.

O Folk no Alobre é unha actividade organizada polo Concello de Vilagarcía en colaboración co colectivo Pés de Barro. Trátase dunha festa para vivir en familia e ao aire libre, ao modo das tradicionais romarías, e na que todas as actividades son de balde.

Para maior comodidade dos asistentes á hora do xantar, o Concello disporá mesas e cadeiras para que a xente poida almorzar comodamente no parque. As persoas que non leven a comida da casa poderán adquirir algunhas viandas nos postos habilitados pola organización.

Como nas edicións anteriores, o popular músico Xurxo Souto participará na ruta histórica co que se inicia o programa pola mañá a modo de pasacalles animado polo grupo Os Demos da Petaca. 

A actividade partirá ás 11 da mañá do Parque de Ravella, a onde deben dirixirse as persoas que desexen participar.

Xa pola tarde actuarán Nós de Sobradelo, Bailai Malditos, Os D’Abaixo e outro grupo aínda por confirmar que substituirá a Os Caruncho, que debido ao cambio de data e por causa maior, non poderán participar na romaría.