'A illa das mentiras' de Paula Cons participará no Festival de San Sebastián

Pontevedra
27 de agosto 2020

A película poderase ver en "Made in Spain", unha sección non competitiva que integra unha selección das películas máis significativas no panorama do cine español do ano

Fotograma de 'A illa das mentiras'
Fotograma de 'A illa das mentiras'

A ópera prima de Paula Cons, 'A illa das mentiras' participará no seu segundo festival de cinema de primeira fila ou 'Clase A'.

Tras o seu paso polo Festival Internacional de Cinema de Shanghái ( SIFF), onde tomou parte da súa sección oficial, a película galega participará agora no Festival de San Sebastián.

En concreto poderá verse na categoría "Made in Spain", unha sección non competitiva que integra unha selección das películas máis significativas no panorama do cinema español de cada ano.

'A illa das mentiras' é unha película inspirada en feitos reais, no afundimento do buque Santa Isabel fronte ás costas da Illa de Sálvora no ano 1921. Dirixida por Paula Cons, está protagonizada por Nerea Barros, Dario Grandinetti, Aitor Luna, Vitoria Teijeiro, Ana Oca e Milo Taboada.

Estreada o pasado 24 de xullo en Filmin, foi o título máis visto na plataforma dixital na súa fin de semana de estrea.