Tras trece anos celebrándose en Vilagarcía, o Festival do Norte abandona a súa casa. Pero non se irán moi lonxe. Múdanse a un municipio veciño. A Illa de Arousa acollerá a nova edición dun dos festivais musicais de referencia en Galicia. Así o confirmaron públicamente os seus organizadores. Non será o único cambio xa que tamén estrearán datas. Deixará de celebrarse en maio, a súa época tradicional, e trasládase ao verán.
Concretamente, o Festival do Norte 2014 terá lugar os días 3, 4 e 5 de xullo. Pasan pois de dous a tres días de concertos e darán o pistoletazo de saída á época estival nun dos concellos máis turísticos das Rías Baixas. Polo momento, poucos detalles coñécense máis da edición deste ano.
A pregunta que fan moitos, cal será o cartel?, resolverase en breve. Nuns días anunciaranse os primeiros grupos confirmados.
A marcha do Festival do Norte de Vilagarcía era unha posibilidade que se viña manexando nos últimos anos, especialmente desde que o goberno municipal decidise retirarlles todo tipo de subvencións directas. Ao final, un acordo de última hora con Producciones Culturales Independientes, organizadora do festival, permitiu a súa continuidade na cidade. Pero non foi máis que a fin dunha etapa, como se confirma este ano.
Con esta decisión, Vilagarcía perde un dos seus grandes eventos culturais, un festival que chegou a atraer a máis de 20.000 persoas á capital arousana e que agora buscará repetir ese éxito na Illa de Arousa.
As entradas para o Festival do Norte 2014 poñeranse á venda nos próximos días, coincidindo coas primeiras confirmacións do cartel.