Nace unha nova banda con raíces marinenses. Trátase de Blue Merrow, un grupo que leva xa dous anos traballando, ensaiando e compoñendo o que é o seu primeiro disco, que foi presentado este sábado na Alameda de Marín.
No acto estiveron Damián Garrido (letrista, vocalista e percusionista), Ángel Olañeta (guitarra solista), que son a representación marinense da formación, e Ángel Vejo (teclista e organista), Diego Hernán Ruiz (baixo) e Alberto Cid (batería). Acompañounos a concelleira de Cultura, Beatriz Rodríguez.
Segundo explicaron os integrantes do grupo, o CD ten influencia de bandas dos 70 como Camel e Purple, e é o resultado "da posta en común dun estilo e dunha intención concreta", xa que despois de pasar por outras formacións, foi desta vez cando atoparon as pezas para formar o que tiñan na cabeza.
O CD xa está dispoñible na tenda Elepé de Vigo e próximamente estará en Tropa de K, en Marín. A intención de Blue Merrow é sacar algunhas copias en vinilo para os amantes deste formato. Tamén pode escoitarse en dixital en todas as plataformas.
"O que nós facemos é tratar de que a xente de Marín coñeza aos grupos que nacen e se desenvolven aquí e sobre todo tamén incentivar que máis xente se anime a levar adiante iniciativas coma esta", explicou a concelleira durante a presentación do disco da banda.
O primeiro concerto de Blue Merrow será o 24 de marzo na sala La Iguana e xa teñen varias datas pechadas en distintos puntos de Galicia para os próximos meses.
Ademais, Marín será unha parada obligatoria para o grupo no verán, aproveitando a gran oferta cultural que ofrece a vila.