Carlos Blanco, un dos referentes do humor en Galicia e actor de series como 'Mareas Vivas', 'Fariña' ou 'La Unidad' entre algúns dos seus traballos da súa ampla traxectoria, subíase na noite deste mércores ao escenario das Pistas de Campolongo logrando un novo éxito co seu humor irónico.
O actor arousán, que loce unha rechamante barba branca, lograba que o público enchera o recinto pontevedrés e moitas persoas seguiron, de pé, a súa agardada actuación desde zonas próximas ao estar completa a capacidade das pistas. Segundo testemuñas presenciais, houbo momentos de tensión debido á imposibilidade de acceder ao recinto e demandaban un espazo de máis capacidade.
Esta actuación inclúese dentro do ciclo Noites de Monólogos das Festas de Verán de Pontevedra, que continuará este xoves, a partir das 22.30 horas coa actuación doutro cómico de gran éxito, Xosé Antonio Touriñán. O venres 5 concluirán as actuacións coa actriz compostelá, Marta Doviro. A entrada para todos os monólogos é libre ata completar a capacidade do recinto.
OUTRAS ACTIVIDADES
Durante este xoves as Festas de Verán tamén ofrecen a partir das 19.00 horas na Alameda unha actuación infantil circense de Cía Trotamundos titulada 'Historias de un baúl'.
A partir das 20.00 horas tamén retornará Itineranta polo centro histórico da cidade coas intervencións de Zanguango Teatro con 'Alén' Ale Hop e o seu 'The Clownpany' A Fam con 'MotorPunk' e Hortzmuga Teatroe & Dea bru Beltzk coa súa proposta 'Senta', que animarán as rúas máis céntricas de Pontevedra.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.