A Libraría Paz volve á actividade tras o asolagamento e o sábado contará coa presenza de Méndez Ferrín

Pontevedra
14 de xaneiro 2020

O coñecido establecemento reabre as súas portas este martes 14, unha vez superados os atrancos provocados pola inundación que sufría con motivo da rotura dunha tubaxe na rúa Peregrina. O sábado retomará 'O vermú entre libros' coa visita do escritor Xosé Luis Méndez Ferrín para falar da reedición de dúas das súas obras

O autor Xosé Luis Méndez Ferrín e as dúas obras reeditadas
O autor Xosé Luis Méndez Ferrín e as dúas obras reeditadas

Durante a noite do xoves 9 de xaneiro unha tubaxe rebentaba na rúa Peregrina e causaba danos en diferentes establecemento comerciais do centro da cidade. O máis afectado foi a Librería Paz coa entrada de auga e lodo ata o fondo do local causando danos en centos de libros. 

Os últimos días foron de duro traballo para Cano Paz, propietario do establecemento, e para os empregados. Viaqua realizou as tarefas de limpeza do local e o persoal da librería contabilizou os exemplares danados e reorganizou o material para que este martes se puidese reabrir ao público con normalidade e co horario habitual, tal e como anunciaron en redes sociais.

Desta forma, a librería continuará coas súas actividades e para este sábado mantense a sesión de xaneiro de 'O vermú entre libros' coa visita dun escritor lendario da cultura galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, que conversará co xornalista e editor Antón Lopo.

O autor ourensán falará sobre a recente reedición das súas obras 'Antón e os inocentes' e 'Con pólvora e magnolias' a través da editorial Xerais. Méndez Ferrín, doutor en Filoloxía, obtivo numerosos premios como o Celanova Casa dos Poetas, o Premio Trasalba, Irmandade do Libro ao Autor do Ano, Premio da Crítica Española, o Losada Diéguez ou o Premio Nacional da Cultura Galega.

A cita será o sábado 18, entre as 12.30 e as 13.30 horas.