A música soará polo Nadal en Caldas de Reis

Umia
26 de decembro 2020

Caldas de Reis apostará pola música para celebrar estas festas de Nadal. Toda esta programación se desenvolverá de acordo coas normas sanitarias motivadas pola pandemia da covid-19.

Catarina Moura, César Prata e Ariel Ninas
Catarina Moura, César Prata e Ariel Ninas / Afolque

Caldas de Reis apostará pola música para celebrar estas festas de Nadal. 

A igrexa de Santa María de Godos acollerá o luns 28 de decembro, a partir das 18.00 horas, a proposta Cantos de Nadal no Camiño Portugués, un proxecto de A Central Folque promovido pola Xunta de Galicia e o Xacobeo 2021.

Cantos de Nadal no Camiño Portugués é unha serie de concertos en espazos de interese patrimonial e relixioso nun percorrido de sur a norte ao longo da ruta xacobea por parte dos artistas Catarina Moura, César Prata e Ariel Ninas con repertorio galego-portugués do ciclo de Advento á Epifanía.

Os concertos serán de balde con reserva previa desde a web folque.com

O día 29, co gallo do día de Santo Tomás Becket, celebrarase na igrexa de Santo Tomás unha misa cantada ás 19.00 horas con concerto posterior da Coral Polifónica de Caldas de Reis.

Este ano o día de Santo Tomás coincide co 850 aniversario da súa morte en Canterbury. O santo pasou por Caldas na súa peregrinaxe a Compostela, pouco antes do seu falecemento. 

Por este motivo foille levantada unha igrexa na súa honra, que no século XIX foi derrubada para construír sobre ela o templo actual, obra do arquitecto Domingo Rodríguez Sesmero.

As actividades musicais continuarán na rúa o día 31 coa animación da charanga Fanfarria Furruxa e o día 5 de xaneiro cos pasarrúas das gaitas de As Espiñas.

Toda esta programación se desenvolverá de acordo coas normas sanitarias motivadas pola pandemia da covid-19.