A novela gráfica 'As 9 cruces' achega a memoria histórica á mocidade

Pontevedra
06 de febreiro 2023

A Deputación, a través do seu departamento de Memoria Histórica, presentará este venres día 10 o seu segundo libro de banda deseñada para achegar á xente moza o relato dos feitos acontecidos durante os anos da ditadura e a represión e as súas consecuencias na provincia

Viñeta da novela gráfica ‘As 9 cruces’
Viñeta da novela gráfica ‘As 9 cruces’

A Deputación, a través do seu departamento de Memoria Histórica, presentará este venres día 10 o seu segundo libro de banda deseñada para achegar á xente moza o relato dos feitos acontecidos durante os anos da ditadura e a represión e as súas consecuencias na provincia.

A nova obra, titulada 'As 9 cruces', conta a historia do acontecido o 15 de outubro do 36 cando un cabo da Garda Civil e un grupo de falanxistas fusilaron a sete mariñeiros, un labrego e un ferreiro, grandes defensores da República e agora símbolos da resistencia, nun dos lugares máis fermosos da costa galega, a curva de Baredo, coñecida dende entón como a Volta dos Nove.

Os feitos están narrados na banda deseñada a modo de novela gráfica, coordinada unha vez máis polo debuxante Kiko Da Silva, co guión de Fernando Llor e os debuxos de Fonso Barreiro, Zaida Novoa, Pablo Prado, Damián Gómez Figueiras, Andrés Chinchilla, Antonio Recuna, Miguel Rojo, Mara Méndez, Daniel Corrada, Jorge Fernández, Álex Rozazos e Miriam Iglesias.

No acto de presentación, no que estarán tanto o coordinador como parte dos autores, será no salón de Plenos do Pazo Provincial ás 19 horas do venres. Participarán tamén a deputada de Memoria María Ortega, integrantes do Instituto de Estudos Miñoráns (IEM) e a artista Alba María, que porá a nota musical dende a perspectiva da memoria histórica. Pódese reservar praza en [email protected].

A entrada é aberta ao público, e cada asistente poderá levar para a casa un exemplar da banda deseñada, que xa se fora publicando capítulo a capítulo por entregas semanais entre outubro e decembro do pasado ano na web da Deputación (no apartado de Memoria Histórica).

O libro impreso será distribuído entre os institutos de educación secundaria da provincia e tamén nas bibliotecas e puntos de lectura municipais.

Ademais, a xente interesada poderá solicitalo nas instalacións do departamento de Memoria Histórica da Deputación situado nas dependencias do Arquivo Provincial ata esgotar existencias.

 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora