A obra No es País para Coños continúa a súa xira e na noite deste xoves 17 de decembro chega á Sala Karma. A compañía Enconarte Producións compartirá escenario cos mozos de Monouilous Dop a partir das 21.30 horas con entradas ao prezo de 6 euros.
No es País para Coños é unha micro obra de teatro, de 35 minutos de duración, escrita en clave de comedia creada e dirixida pola xornalista Diana López, creadora do blogue Suspenso en Religión. Este espectáculo conta cun elenco interpretado por Déborah Vukusic, Arantxa Treus e Rocío Romero.
O argumento desta obra feminista céntrase en tres mulleres situadas na sala de espera do xinecólogo que falan sobre o amor, o sexo, a maternidade e o aborto cunha linguaxe visceral e moi divertido. A obra foi estreada en Pontevedra e presentada xa en diferentes espazos de Vigo, Vilagarcía de Arousa, A Coruña, Barro, Santiago de Compostela e O Grove.
En 2016 representarase en Lugo, Lalín, Porriño e Ourense.