A Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra e o Ballet de Galicia invitan a comezar o 2022 con Strauss

Pontevedra
27 de decembro 2021

O concerto será o sábado 1 de xaneiro ás 19.30 horas no auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra. As entradas están á venda con prezos entre 12 e 15 euros (con aplicación de descontos) en Ataquilla 

Presentación do Concerto de Aninovo 2022
Presentación do Concerto de Aninovo 2022 / Mónica Patxot

Música e danza uniranse este sábado 1 de xaneiro no auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra no tradicional Concerto de Aninovo, que ofrecerá a Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra (OFCP) coa participación do Ballet de Galicia, un proxecto nado en Marín e que alcanza dimensión internacional.

"Se o talento agroma, hai que impulsalo", indicaba a concelleira Carmen Fouces, responsable de Cultura, ao presentar este concerto que contará cun programa dividido en dúas partes: na primeira ofreceranse pezas de 'Carmen', de Bizet; mentres que na segunda chegarán as xa habituais pezas da familia Strauss,  polkas e valses vieneses, tan propios destas datas do Nadal.

Carlos Cabaleiro, presidente daOrquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra, indicaba que a dirección correrá a cargo do director Roberto Baltar, que dirixiu a orquestras de Bélxica, Finlandia e Polonia. Este director invitado  comenzá os seus estudos co pedagogo Jorma Panula en Finlandia e ampliou a súa formación no Royal Conservatoire Antwerpen. A OFCP tamén contará coa participación da mezzosoprano viguesa Nuria Lorenzo. "Esperamos que deixe un bo sabor de boca", indicaba o representante da  Orquestra ao referirse a esta nova cita, que leva celebrándose desde fai máis dunha década.

Pola súa banda, Diego Landín, director do Ballet de Galicia, expuxo na presentación que a danza non se entende sen a música e, por este motivo, cando recibiu esta proposta pensou que "era a mellor idea para comezar este 2022". O Ballet participará en dúas pezas: unha delas será unha danza clásica do 'Crebanoces' mentres que a outra será unha danza contemporánea. O programa finalizará coas tradicionais palmas do mesmo xeito que no Concerto de Aninovo que anualmente ofrece a Orquestra Filarmónica de Viena.

A cita pontevedresa será o sábado 1 de xaneiro ás 19.30 horas no auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra. As entradas están á venda con prezos entre 12 e 15 euros, con aplicación de descontos no caso de persoas desempregadas, maiores de 65 anos e estudantes, en Ataquilla. En caso de non esgotarse na venda anticipada, haberá entradas dispoñibles unha hora antes de comezar o evento na billeteira do Pazo da Cultura.

Será necesario presentar pasaporte covid ou un documento equivalente para o público maior de 12 anos. "O Pazo vai ser un lugar seguro", indicou Fouces convidando os amantes da música para asistir con total tranquilidade.