'A ovella Engracia' anima os pequenos a perseguir os soños no Salón do Libro

Pontevedra
25 de abril 2018

A ovella Engracia e a súa amiga Branca contáronnos estes días 24 e 25 a historia da viaxe que emprendeu a primeira delas para ir buscar a lúa. O Pazo da Cultura de Pontevedra enchíase de centos de nenos e nenas con ganas de saber se a ovella conseguiría o seu obxectivo. A sesión contou con música en directo grazas ao grupo SPJ, Seminario Permanente de Jazz 

Realización da obra teatral no Pazo da Cultura / Miguel Álvarez

"Eu botei a andar polo prado detrás da lúa... realmente hipnotizada" e todos acompañamos a ovella Engracia na súa viaxe. 

Mércores 25 pola mañá. Centos de nenos e nenas esperaban ansiosos a que empezase a función no Pazo da Cultura de Pontevedra. Sobre o escenario había unha chea de caixas de madeira e varios instrumentos. Apagáronse as luces, a sala quedou en silencio e dúas ovellas presentáronse no escenario. Engracia e Branca.

Engracia estaba aburrida de levar unha vida rutineira; comer herba, durmir a sesta, saltar balados para que a xente conte ovellas cando se van a deitar... sempre o mesmo! Un día decidiu ir ver a lúa, e aí empezou a viaxe de 'A ovella Engracia'. 

'A ovella Engracia', creada exclusivamente para o Salón do Libro, é unha entretida obra que narra a viaxe en busca da lúa desta ovella e conta todos os amigos que coñeceu polo camiño, como o Oso Bernardino ou a Serpe Susana. Ademais, anima os pequenos para loitar polos seus soños. Pois, como dicía a canción "a xente conta ovellas pra durmir. Engracia conta unha historia que dei que todo, todo é posible. Que sempre hai que intentalo, que a forza está en ti". 

Engracia, interpretada por María Lado, guionista da obra, tentaba chegar á lúa, pero cada vez que conseguía estar un pouco máis preto, esta escondíase; con todo, non se rendeu nunca, mostrando aos nenos que non hai que darse por vencidos. 

A súa boa amiga, a ovella Branca, cantaba as aventuras de Engracia. Lucía Aldao era a encargada de dar vida a este personaxe e a compositora das cancións, que, con moito ritmo e moito swing, animaba os máis cativos a seguir con palmadas a viaxe da súa compañeira. 

O toque de jazz foi grazas a integrantes do grupo SPJ, Seminario Permanente de Jazz; Paco Charlín ao contrabaixo, Carlos Gil facendo soar o piano e Luís Vivas ás baquetas da batería, quen acompañaban en directo a voz de Lucía Aldao. 

A historia rematou con final feliz para as ovellas do mundo. Elas finalmente puideron descansar e deixar de saltar balados, porque a historia de Encarna motivou os humanos para contar máis contos e menos compañeiras á hora de durmir, explicou Branca.

E que sorpresa! Cando rematou a función, Orbil, o lobo do Salón do Libro veu saludarnos con moito agarimo e repartiu miles de apertas entre os pequenos e non tan pequenos.