'A patente do sol', de Sara Rey, peza gañadora do II Premio de Microteatro da Memoria

Pontevedra
18 de decembro 2021

'A patente do sol' foi presentada baixo o lema 'Un terrón de azucre pintado de rosa'. Segundo Sara Rey, destaca "un aspecto histórico descoñecido, como é o da epidemia da polio, así como as marcas físicas da posguerra desde a perspectiva da poboación civil"

Xurado do Premio de Microteatro da Memoria
Xurado do Premio de Microteatro da Memoria / Deputación de Pontevedra

A segunda edición do Premio de Microteatro da Memoria xa ten gañadora. Trátase da directora de escena e dramaturga Sara Rey e da súa peza 'A patente do sol', que destacou entre os demais traballos pola súa reflexión sobre a memoria cunha ollada dende o presente, a súa carga emocional e tamén a súa viabilidade escénica.

O galardón foi comunicado á autora pola deputada de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra, María Ortega, quen subliñou a calidade da peza dunha autora que xa se tivera presentado ao Premio na pasada edición e agradeceu o recoñecemento ao seu traballo.

'A patente do sol' foi presentada baixo o lema 'Un terrón de azucre pintado de rosa'. Segundo Sara Rey, destaca "un aspecto histórico descoñecido, como é o da epidemia da polio, así como as marcas físicas da posguerra desde a perspectiva da poboación civil". Ademais, trátase dunha peza de "autoficción" posto que xurde a raíz da reflexión sobre as secuelas da enfermidade que tivera o seu pai cando era cativo e da análise da xestión da epidemia durante a ditadura, que non prestou atención ás persoas enfermas.

O xurado, formado pola escritora Eva Mejuto; o director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez; e o Xefe do Departamento de Dirección escénica e dramaturxia da ESAD de Galicia, Dani Salgado, valorou que a peza "axuda a reflexionar sobre a memoria cunha ollada desde o presente" e que alterne "partes de narración directa e outras de diálogo e na parte máis narrativa o discurso implica unha carga emocional, sen caer no sentimentalismo".

A gañadora Sara Rey, premiada con 500 euros, é unha coruñesa afincada en Vigo que comezou moi pequena no mundo do teatro e encamiñou os seus estudos no mundo da arte. Neste momento está rematando os estudos superiores de arte dramática en Vigo e iniciándose cun proxecto que non lanzará ata xuño de 2022.

Unha vez fallado o certame, a Deputación e a Esad teñen previsto facer entrega do galardón a comezos do vindeiro mes.