A Pontevedra provincia Film Commission desembarca no Festival de Cine de Málaga

Pontevedra
15 de marzo 2023

A Deputación participará ata o venres no MAFIZ, a área industrial paralela ao festival, xunto con 22 membros da rede Spain Film Commission

Reunións da Pontevedra provincia Film Commission no Festival de Cine de Málaga

A Deputación participa por vez primeira no Festival de Cine de Málaga, a través da Pontevedra Provincia Film Commision, para promover o territorio como escenario ideal para rodaxes audiovisuais ante as produtoras nacionais e internacionais alí concentradas.

Ata o venres 17 de marzo a institución provincial ten presenza no MAFIZ, a área industrial paralela ao festival, xunto con outras 22 entidades da rede Spain Film Commission. 

Ademais, ten pechadas xa reunións con produtoras e localizadoras con sedes en Los Ángeles, Londres, Lisboa, Madrid, Barcelona, Andorra, Sevilla, Málaga, Almería ou Huelva, e asistirá a sesións formativas sobre incentivos fiscais e sostibilidade no Auditorio do Museo Picasso de Málaga.

A Pontevedra Provincia Film Commission dará a coñecer no Festival de Málaga a provincia como plató de cinema, amosando a gran variedade de localizacións e informado sobre as liñas de traballo no ámbito audiovisual que promove a institución provincial.

Tamén presentará os diferentes servizos de aloxamentos, comunicacións e instalacións e seu potente sector audiovisual, que vén de colleitar premios nos Goya e na Berlinale, como complemento ás localizacións e ampla oferta de servizos do territorio. 

Ademais, a Deputación completará a presenza no festival de Málaga asistindo a mesas redondas, no seo dos seus intereses estratéxicos, organizadas por CIMA, DAMA ou Netflix, e a unha formación sobre incentivos fiscais e sostibilidade, organizada pola Spain Film Commission, na que se analizarán as oportunidades de posicionar ao país como destino de rodaxes preferente a nivel global e a importancia do compromiso coa sostibilidade da industria audiovisual.

A Deputación de Pontevedra ten pechada unha completa axenda durante este primeiro trimestre de ano para reforzar a Pontevedra Provincia Film Commission e a captación de rodaxes audiovisuais.