A Praza da Pedreira, unha "magnífica sala de cine ao aire libre" cunha nova edición de "Cinema e estrelas"

Pontevedra
03 de xullo 2024

Cinco noites de verán con cinco películas que se poderán ver ao aire libre. Esa volverá a ser a irresistible oferta do ciclo Cinema e estrelas, que un ano máis formará parte da programación das Festas de Verán de Pontevedra. Será entre os días 9 e 13 de xullo

Presentación dunha nova edición do ciclo "Cinema e estrelas"
Presentación dunha nova edición do ciclo "Cinema e estrelas" / Mónica Patxot

Cinco noites de verán con cinco películas que se poderán ver ao aire libre. Esa volverá a ser a irresistible oferta do ciclo Cinema e estrelas, que un ano máis formará parte da programación das Festas de Verán de Pontevedra. Será entre os días 9 e 13 de xullo.

A Praza da Pedreira será de novo unha sala de cinema ao aire libre para proxectar, con entrada gratuíta para o público, os cinco filmes seleccionados polo Cineclube Pontevedra.

"É unha escolla diversa e pensada para todos os públicos, onde, de seguro, haberá unha película que esperte interese a cada veciño e visitante da cidade", destacou a tenente de alcalde, Eva Vilaverde, na presentación desta nova edición.

 As películas escollidas para esta ocasión son:

Martes 9: 20.000 especies de abellas, de Estíbaliz Urresola (España, 2023)

Mércores 10: Yannick, de Quentin Dupieux (Francia, 2023)

Xoves 11: Falcon Lake, de Charlotte de Bonn (Canadá, 2022)

Venres 12: Robot Dreams, de Pablo Berger (España, 2023)

Sábado 13: Fargo, de Joel e Ethan Coen (Estados Unidos, 1996)

Esta proposta fílmica recolle así cinema internacional e estatal e mesmo aposta por películas para toda a familia e para as crianzas como é o caso da obra de Pablo Berger.

Para Olalla Márquez, representante do Cineclube Pontevedra, é unha programación "orientada a un público máis amplo do que facemos habitualmente", pero sen renunciar a que sexa unha escolla "que poidamos defender, que teña calidade e que encaixe coa nosa forma de entender o cine".

Todas as proxeccións serán a partir das once da noite e, no caso das tres películas estranxeiras, exhibiranse en versión orixinal subtitulada ao castelán.

Desde o Concello agradeceron o traballo do Cineclube Pontevedra, representados por Ramón Poza e Olalla Márquez, definido por Vilaverde como un labor "exemplar e colectivo" que os eleva como unha das agrupacións máis dinámicas e colaborativas da cidade.