A revolución musical das Tanxugueiras, broche de ouro para o Culturgal do reencontro

Pontevedra
28 de novembro 2021

En total, máis de 9.000 persoas pasaron polo Recinto Feiral de Pontevedra para participar nunha feira, a de Culturgal, que xa emprazou ao público para a súa edición de 2022, que se celebrará os días 26, 27 e 28 de novembro, segundo avanzaron os seus organizadores.

Concerto de Tanxugueiras no Culturgal 2021
Concerto de Tanxugueiras no Culturgal 2021 / Cristina Saiz

Un apoteósico concerto de Tanxugueiras puxo o broche de ouro á edición na que Culturgal púidose reencontrar plenamente cun público ávido de descubrir as novidades que o sector cultural galego preparou para esta ocasión tan especial.

O seu era, sen dúbida, o espectáculo máis esperado da feira. Ata Pontevedra as cantareiras, que xeraron moito balbordo coa súa posible participación en Eurovisión, trouxeron o concerto fin de xira do seu segundo disco, Contrapunto.

Coas entradas esgotadas desde hai semanas, Tanxugueiras ofreceu no auditorio do Pazo da Cultura uno deses shows que quedarán no recordo dos espectadores.

Temas como O querer, Irmandade, Albedrío ou Malquerenza soaron neste concerto no que as súas protagonistas estiveron acompañadas sobre o escenario de grandes artistas como Xabier Díaz, Sabela, Uxía Senlle, Lilaina ou Edelmiro Fernández.

Durante a actuación as cantareiras galegas interpretaron tamén algunhas das súas novas cancións como Midas ou Figa, despedíndose do público ata 2022.

Nesta sesión vespertina houbo tamén espazo para proxectos audiovisuais como a película "Cuñados", o documental " Xela Arias. A poeta nas marxes" de Beatriz Pereira ou a serie "Rapa", que Movistar Plus está a gravar en Galicia con Javier Cámara á fronte do elenco.

Ademais, presentáronse as datas da nova xira teatral de "Fariña" para 2022, a revista MujerArt Magazine, dedicada ás mulleres, a arte ou a historia; o proxecto fotopoético "Matrias illadas", de Neves Seara e Tamara Andrés; ou a obra teatral "Dreaming Juliet" da compañía Elefante Elegante.

Os máis pequenos, pola súa banda, puideron gozar cun concerto de Brais das Hortas, de contacontos con Irene Quinteiro, Miguel Alonso e Óscar Martínez ou de "Diferentes diferenzas", un espectáculo inclusivo sobre diversidade con Silvia Penide e Natalia Navaza.

Nesta última xornada da feira continuaron tamén as presentacións de novidades editoriais como "Deixádenos remar de Ana Cabaleiro, "A carteira" de Santiago Lopo, "Nus" de Manuel Gago, "A folla azul" de Andrea Maceiras ou "A cidade do átomo" de Iria Misa.

En total, máis de 9.000 persoas pasaron polo Recinto Feiral de Pontevedra para participar nunha feira, a de Culturgal, que xa emprazou ao público para a súa edición de 2022, que se celebrará os días 26, 27 e 28 de novembro, segundo avanzaron os seus organizadores..