As ilustradoras galegas Blanca Escrigas e Isabell Seidel son dúas mulleres que, xunto ás portuguesas Fernana Lamelas e Teresa Ruivo, están percorrendo e debuxando o Camiño da Costa dende Porto a Santiago. Tras chegar a Pontevedra, dedicaron a mañá a debuxar algúns dos lugares máis emblemáticos da cidade.
Ambas foron recibidas pola presidenta da Deputación, Carmela Silva, que se interesou polo seu traballo.
O obxectivo deste proxecto, titulado Camiña/Camiño, é dar a coñecer dende o punto de vista artístico e cultural a ruta do Camiño portugués pola costa e, por outro lado, dar visibilidade ás mulleres no mundo da ilustración, unha disciplina da arte na que as ilustradoras seguen estando en desvantaxe malia ser maioría.
Camiña/Camiño é un proxecto coordinado por Gemma Sesgar e Paula Cabaleiro no que colabora a Deputación de Pontevedra e que está enmarcado no encontro internacional Compostela Ilustrada, nado no ano 2016 da man de El Patito Editorial, editorial especializada en cómic e ilustración.
O traballo das catro ilustradoras ten coma fin a organización dunha exposición e a elaboración dunha guía. Para a exposición cada ilustradora realizará un mínimo de 10 ilustracións, de tamaño A3 e técnica libre.
En canto á guía ilustrada, esta tratarase dunha obra de aproximadamente 60 páxinas nas que as catro ilustradoras ofrecerán unha nova ollada que servirá de material de consulta sobre o Camiño da Costa.
Despois de debuxar nas cinco cidades portuguesas (Porto, Vila do Conde, Esposende, Viana do Castelo e Caminha), o proxecto chegou a Galicia pola Guarda e xa pasou estes días por Oia, Baiona, Vigo, Redondela e Pontevedra. A súa ruta seguirá por Caldas de Reis, Padrón e finalmente Santiago, onde esperan chegar o mércores 5 de xullo.