A serie 'A arte de ser mal pai', con guión do pontevedrés Óscar Cruz, premiada no Carballo Interplay

Pontevedra
07 de abril 2023

Recibiu o premio a Mellor Serie V.O. Galego e o premio do Público no décimo aniversario do festival ourensán. A serie, producida por Miraveo, está interpretada por Xose Manuel Esperante, actor residente en Pontevedra

María Costas e Xosé Manuel Esperante na serie 'A arte de ser mal pai'
María Costas e Xosé Manuel Esperante na serie 'A arte de ser mal pai'

'A arte de ser mal pai' pre-estreábase o sábado 1 de abril na sección oficial do festival de contidos dixitais Carballo Interplay e a súa presentación non puido ter mellor acollida. A nova serie de Porco Bravú, equipo integrado por Óscar Cruz e Jorge Boquete, lograba os galardóns de Mellor Serie V.O. Galego e o Premio do Público.

Este traballo conta con acento pontevedrés pola presenza de Óscar Cruz como guionista e o protagonismo do actor Xosé Manuel Esperante, residente na vila do Lérez.

Como director figura Jorge Boquete nunha produción de Miraveo. Na serie tamén participan María Costas, Fede Pérez, Sabela Arán e Marita Martínez.

Trátase dunha comedia dramática centrada nun pai corentón que debe despedirse da súa filla, interpretada por Jacoba de Llano.

Ao longo de tres días amósase a complexidade da adolescencia para facer fronte a estes tempos.

Tras este éxito, agora 'A arte de ser mal pai' iniciará un percorrido por festivais e están previstos diferentes pases en teatros e auditorios de toda Galicia. 

Óscar Cruz foi colaborador de PontevedraViva Radio a través do programa La Transición e converteuse nun dos novos referentes do audiovisual do país.