A gala de entrega dos XVII Premios Mestre Mateo, que se celebrará o vindeiro 2 de marzo no Palacio da Ópera da Coruña, vai converterse nun enfrontamento entre dúas producións que contan con sabor pontevedrés.
'A sombra da lei', a película dirixida por Dani de la Torre e cun elenco encabezado por Michelle Jenner e Luis Tosar conta con 15 candidaturas, as mesmas que 'Trote', un traballo do que forma parte o actor de Sanxenxo e residente en Pontevedra, Celso Bugallo, que aspira a obter o premio á mellor interpretación de reparto nesta película rodada na Rapa das Bestas de Amil, en Moraña.
Outros proxectos audiovisuais como 'O sabor das margaridas' sitúase con 8 candidaturas; 'Contou rosalía' opta a 7 premios; mentres que o programa televisivo Land Rober Tunai Show e o documental Versogramas contan con catro candidaturas cada un.
Dani de la Torre opta á mellor dirección por 'A sombra da lei', a este filme compite noutros apartados como dirección de arte, dirección de fotografía, dirección de produción, guión, maquillaxe e peiteado, montaxe, son e música orixinal e vestiario. Michelle Jenner e Luis Tosar aspiran ao galardón polas súas interpretacións protagonistas e Adriana Torrebejano e Ernesto Alterio polos seus papeis de reparto.
Pola súa parte, 'Trote' optará á mellor longametraxe, mellor dirección para Xacio Baño e mellor guión compartido para o propio Baño e o escritor Diego Ameixeiras. Tamén se atopa entre as competidoras á mellor dirección de arte, dirección de fotografía, dirección de produción, maquillaxe e peiteado, montaxe, son, vestiario e para os protagonistas María Vázquez e Fede Pérez, ademais dos intérpretes de reparto, Melania Cruz, Tamara Canosa e o pontevedrés Celso Bugallo.
O premio ao mellor programa televisivo será concedido a algunha destas opcións: Buscadores de naufraxios, Land Rober Tunai Show, Malo será! e Zig Zag Fin de semana. A mellor serie irá a mans dunha destas catros aspirantes: Os Mariachi, Serramoura, Viradeira e O sabor das margaridas. As finalistas ao mellor documental son Idénticas, O caso Diana Quer 500 días, Tódalas mulleres que coñezo e Versogramas. O galardón ao mellor comunicador estará entre María Solar, Marta Doviro, Roberto Vilar e Rodrigo Vázquez.
A nena azul, Beautiful boy, Limbo e Mouras son as finalistas na categoría de mellor curta de imaxe real; Fin de la cita, Luscofusco, Peixes e Soy una tumba na de mellor curta de animación; Comparte a maxia, Donde empieza tu piel, Larseiros e Ti na de mellor anuncio; e Ahora o nunca (Pegatina feat Macaco), El astronauta que vio a Elvis (Love of Lesbian), Eu non sei porqué (Boyanka Kostova) e La gran ola (Delafé) na categoría de vídeoclip.
As actrices Rosa Álvarez, María Vázquez, Melania Cruz e Michelle Jenner enfróntanse pola mellor interpretación feminina mentres que Antonio Durán "Morris", Luis Tosar, Toni Salgado e Xosé A. Touriñán van facelo pola masculina.
Consulta todas as candidaturas aos premios Mestre Mateo nesta ligazón.