A UNED fará unha incursión no mundo das bruxas, mouras, feitizos e males de ollo

Pontevedra
18 de xaneiro 2023

Será a través dun curso sobre mitoloxía da man do antropólogo Rafael Quintía. Esta actividade formativa impartirase entre o 14 de febreiro e o 18 de maio

Rafael Quintía, antropólogo UNED Pontevedra

O Centro Asociado da UNED en Pontevedra fará unha incursión no misterioso mundo das bruxas, as mouras, os feitizos e os males de ollo a través dun curso sobre mitoloxía que contará como relatora co presidente da Sociedade Galega de Antropoloxía, Rafael Quintía Pereira. 

Este curso, baixo o título xenérico "Mitoloxía, festividades rituais, xeografías sacras e crenzas máxico-relixiosas da cultura tradicional galega. Unha aproximación antropolóxica" será impartido en castelán desde a UNED en Pontevedra os martes e xoves de 17:30 a 20:30 horas, desde o 14 de febreiro ao 18 de maio. 

Os asistentes a este curso en liña, en directo ou en diferido, poderán mergullarse no enrevesado mundo da mitoloxía do medo a través dos mitos do "lobishome, as bruxas e meigas, cocos, chupasangres e asustaniños". Tamén analizarán a relixiosidade popular en Galicia, o culto aos santos, o poder das reliquias, as imaxes sacras, os santuarios e o significado das peregrinacións. 

RITOS DE PROTECCIÓN E PARA "CAUSAR MAL" 

A etnomedicina galega, os tratamentos e ritos curativos, as "meigas, curandeiros, compoñedores e menciñeiros" formarán parte do curso no que tamén se analizarán os ritos curativos, as ferramentas de sanación, o "meigallo, feitizo, a pa caída, o aire ou pezoña" así como os sistemas de protección dá a casa, a facenda, as persoas, camiños e viaxes, o mar ou contra as bruxas e o mal de ollo. 

Tampouco quedarán fóra deste curso os ritos propiciatorios, os de fertilidade, fecundidade, xestión da meteoroloxía ou aqueles para "causar mal". 

O curso está dirixido por Patricia González Martínez, profesora-titora traballadora social, antropóloga social e cultural, doutora pola UNED, responsable do Programa de Prevención de Condutas adictivas do Concello de Pontevedra e membro do grupo de investigación da UVIGO sobre o uso das TIC. 

Como coordinador do mesmo figura o responsable do departamento de Extensión Universitaria e Actividades Culturais da UNED en Pontevedra, Rafael Cotelo Pazos e intervirá como relator Rafael Quintía Pereira, licenciado en Antropolgía Social e Cultural, presidente da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) e antropólogo e xerente da empresa Ab origine. Antropoloxía, produción e xestión cultural. 

Esta actividade formativa impacta nos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da Axenda 2030 vinculados á educación de calidade e está dirixida a persoas interesadas en recibir formación no campo da antropoloxía e, especificamente, en materia de patrimonio inmaterial de Galicia.