Seres indóMITOs: Mercedes Escauriaza

Pontevedra
14 de xuño 2026

Mito Meijón entrevista a xornalista e comerciante Mercedes Escauriaza, unha persoa moi creativa e autoesixente, que relata detalles sobre a súa vida

Mercedes Escauriaza
Mercedes Escauriaza / Guillermo M. Meijón-Corujo

Mercedes Escauriaza é unha desas persoas que deixan pegada; das que transmiten proximidade, intelixencia, mundo e unha maneira de estar que fai pensar que tela preto ten que ser, simplemente, un agasallo. Xornalista, comerciante, conversadora brillante e muller de sensibilidade aguda, foi construíndo unha traxectoria moi propia, marcada pola curiosidade, o gusto, a valentía e unha creatividade que nunca quedou quieta.

Hai nela algo especialmente atractivo: esa mestura pouco común de elegancia, criterio, calidez e personalidade. Mercedes pertence a esa estirpe de mulleres que non precisan facer ruído para resultar inesquecibles, porque a súa maneira de mirar, de contar e de emprender xa fala por si soa. Viviu moito, probou moito e soubo moverse por mundos distintos sen perder nunca unha identidade ben recoñecible. Refinada pero próxima, esixente pero humana, inqueda e sempre en movemento, é doado imaxinar que conversar, traballar ou simplemente compartir un café con ela pode converterse nese pequeno luxo que mellora calquera día.

Ela mesma defínese coma unha persoa moi creativa, aínda que arrastra a espiña de non saber debuxar, coma se iso lle impedise levar aínda máis lonxe todo o que imaxina. E talvez aí estea unha das chaves do seu encanto: nesa mestura de talento, autoesixencia, intuición e desexo constante de seguir creando. Mercedes Escauriaza é, en definitiva, unha muller con ollada propia, sensibilidade e unha personalidade desas que deixan recordo.

- Dime unha pregunta que non te gusta que che fagan.

Non me gusta que me pregunten canto me custou algo.

- Como é a túa relación con Pontevedra?

Pontevedra é unha cidade amable e acolledora, e é a miña cidade de elección. Gústame vivila, paseala e gozar tamén de todo o que me conecta coa natureza, como o campo ou a xardinería.

- Como te definirías?

Son unha persoa traballadora, con experiencias laborais moi distintas, creativa e á que lle gusta estar coa xente. Tamén son perfeccionista e gústame que as cousas estean ben feitas e en orde.

- Con que xeración te identificas máis: baby boom, X ou millennial?

Coa xeración baby boom, sen dúbida, aínda que creo que me movo ben entre xeracións e que me entendo tanto con xente máis nova como con xente maior.

- Que características ten a túa xeración?

É unha xeración que viviu cambios enormes: da ditadura á democracia, do mundo local ao global e do offline ao online. E, en xeral, penso que todo iso se viviu con bastante concordia.

- Tiveches traballos moi diferentes ao longo da túa vida, que che deu esa variedade de experiencias?

Deume moitísima perspectiva. Puiden coñecer mundos distintos e iso enriqueciume moito, tanto a nivel profesional coma persoal. Sempre fun unha persoa decidida, e iso permitiume atreverse con cousas diferentes.

- Deixaches o xornalismo e montaches unha tenda de moda no casco histórico de Pontevedra. Que significou ese proxecto para ti?

Foi o meu proxecto máis persoal. Era unha tenda moi miña, con pezas novas e vintage, e sempre tiven claro que tiña que estar no casco histórico. Co tempo pensei moitas veces que quizais foi unha idea adiantada ao seu momento.

- Por que dis que foi unha idea adiantada ao seu momento?

Porque penso que todo o vintage se puxo realmente de moda uns anos máis tarde. Ás veces penso que, se tivese aguantado un pouco máis, a tenda funcionaría aínda mellor.

- Na túa etapa como xornalista, que recordos gardas con máis cariño?

Gardo moi bos recordos dalgunhas entrevistas. Gustoume moito entrevistar a Luis del Olmo e tamén recordo especialmente as entrevistas a Alfonsín e a Julio Iglesias.

- A quen votaches nas túas primeiras eleccións?

A UCD, Unión de Centro Democrático.

- Que é a amizade?

Algo fermoso, se é sincero.

- Se puideses viaxar no tempo, irías ao pasado ou ao futuro?

Ao futuro.

- Dime unha canción que che emocione.

"Yo quiero verte danzar", de Battiato.

- Frío ou calor?

Calor.

- Que hai despois da vida?

Non o sei, pero gustaríame pensar que hai algo bonito.

- E por último, que vas facer en canto remate a entrevista?

Marchar para a miña casa de Moraña.

- A quen che gustaría ver nesta sección?

Á miña filla, Mercedes García Nieto.

Para Mercedes, Pontevedra sabe a doce, ulir mellor do que ulía, é de cor areosa e soa a murmurio. Definitivamente, Mercedes Escauriaza sente Pontevedra.

O CUESTIONARIO

- Nunca saio da casa sen… facer a cama.

- Na miña neveira sempre hai… centos de tuppers.

- No meu armario destacan… os zapatos.

- A idade é… experiencia.

- Creo en… a xente.

- O ano que marcou a miña vida foi… 1977.

- O mellor agasallo que me poden facer é… unha viaxe en familia.

- O meu lugar no mundo é… coa miña xente.

- O meu momento favorito do día é… a mañá.

- Pontevedra ten alma de… cidade marsupial.