A vida despois do ISIS trátase no documental programado para o mércores en Amal en Ruta

Pontevedra
06 de setembro 2022

É un documental dirixido por Alba Sotorra e relata a historia dun grupo de mulleres occidentais que dedicaron a súa xuventude ao grupo terrorista islámico, pero que decidiron volver a casa. Este traballo foi candidato ao mellor documental nos Premios Goya 2021. Pode verse este mércores 7 ás 21.00 horas no Teatro Principal con entrada libre

Cartel de 'The return: Life after ISIS (El retorno: A vida despois do ISIS)'
Cartel de 'The return: Life after ISIS (El retorno: A vida despois do ISIS)' / Amal en Ruta

O ciclo Amal en Ruta ofrece este mércores 7 de setembro a partir das 21.00 horas no Teatro Principal de Pontevedra a proxección do documental da directora catalá Alba Sotorra 'The return: Life after ISIS (O retorno: A vida despois do ISIS)'.  A entrada ao recinto para todo o público será libre

A cinta foi candidata ao premio ao mellor documental na gala dos Goya 2021. Neste documental nárrase a historia dun grupo de mulleres occidentais que dedicaron a súa mocidade ao grupo terrorista ISIS, pero que pasados os anos queren ter a oportunidade de reconstruír as súas vidas nos seus fogares. 

Alba Sotorra, a directora, tivo acceso ao campo da al-Roj no nordés de Siria para ofrecer a dura realidade deste grupo de mulleres, que se atopan atrapadas polo seu pasado. Shamima Begum (Reino Unido) e Hoda Muthana (EE. UU.) marcháronse dos seus países manipuladas pola propaganda terrorista e o odio das redes sociais, un espazo onde se move con moita facilidade o grupo terrorista que pretende crear un estado islámico en Iraq, Siria e noutros países da contorna.

O testemuño das protagonistas permite analizar a crueldade, o abuso e a misoxinia que viviron nesta experiencia chea de matices nunha situación complexa.