A xira por España de The Posies comezará en Pontevedra o 14 de xuño

Pontevedra
29 de xaneiro 2020

Cinco concertos en diferentes localidades españolas. Así a será a xira polo noso país da banda estadounidense The Posies. E unha destas paradas, de feito a primeira que farán, será en Pontevedra o domingo 14 de xuño

The Posies
The Posies / Houston Party Music

Cinco concertos en diferentes localidades españolas. Así a será a xira polo noso país da banda estadounidense The Posies. E unha destas paradas, de feito a primeira que farán, será en Pontevedra o domingo 14 de xuño.

Anunciouno este mércores a súa promotora en España, Houston Party, que ademais do concerto en Pontevedra confirmou actuacións en Oviedo, Sevilla, Valencia e Terrassa.

Por agora, descoñécese o recinto no que actuarán, xa que a promotora puxo á venda xa as entradas dos outros catro concertos. Iso si, a data en Pontevedra coincide coa celebración en Pontevedra da nova edición do festival Surfing the Lérez.

The Posies, a icónica banda de power pop comandada por Ken Stringfellow e Jon Auer, é unha das máis populares formacións de power pop nadas nos anos 90.

Por máis que pasen os anos, a banda segue sendo un referente de melodías infecciosas, que eles crean con abraiante facilidade, e protagonizan intensos directos, onde a dozura da súa interacción vocal choca de fronte con guitarras distorsionadas, unha batería explosiva e agora, na era moderna, ritmos e texturas electrónicas.

Tras reeditar en 2018, coincidindo co trinta aniversario da banda, tres dos seus discos máis icónicos, Dear 23, Frosting On The Beater e Amazing Disgrace, The Posies está a traballar nun álbum de novo material, que están a gravar actualmente en Seattle.